Iván Puentes quere cubrir a praia de vías de Conde Bugallal para crear o maior aparcamento disuasorio da cidade
Por Alejandro Espiño
Gañar 25.000 metros cadrados para poder estacionar neles un milleiro de vehículos. É o espazo que se gañaría, segundo o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Iván Puentes, coa súa proposta para crear na Parda o maior aparcamento disuasorio da cidade.
O denominado estacionamento sur cubriría a praia de vías do ferrocarril que existe entre a estación e Conde de Bugallal, un espazo "infrautilizado" que, apuntou o socialista, supón unha "fenda urbana" entre os barrios de Eduardo Pondal e A Parda.
A área contaría cunha lousa de formigón practicable para o tránsito de vehículos, o que permitiría que os coches estacionasen sobre o terreo sen ningún tipo de problema.
O obxectivo é incorporar ao sistema de aparcamento un novo estacionamento de borde para "desafogar" o do Pazo da Cultura e outras áreas máis pequenas, "sen crear influencias negativas na rede viaria máis urbana, ao funcionar como un fondo de saco".
Este aparcamento tería entrada e saída unicamente polas vías máis exteriores, por Conde de Bugallal, Otero Pedrayo ou polo futuro vial que dará acceso ao pavillón da Parda.
Os accesos cara ás zonas máis centrais da cidade, as estacións, o novo pavillón e os xulgados serán peonís ou ciclistas, segundo detallou Iván Puentes.
O proxecto ocuparía a zona máis ancha da praia viaria, como unha plataforma voante sobre columnas, pero non se prolongaría ata o actual túnel baixo o anel da Eiriña para non provocar molestias ás vivendas.
Nesa área, na que o edificio da Cidade de Pedra está moi próximo á vía, a cubrición prolongaría o espazo libre para dedicalo a parque, zona de xogos ou área deportiva, servindo ademais de nexo peonil entre o estacionamento e as rúas Estrada, 12 de Novembro e Joaquín Costa.
No que atinxe ao resto da plataforma, o proxecto arquitectónico coidaría especialmente a fachada que dá á Rúa do Ferrocarril, para que a estrutura quede afastada dos edificios e a veciñanza "goce dun acabado urbano de calidade", mellorando a actual visibilidade.
Iván Puentes está convencido de que o proxecto se traducirá en "vantaxes para a mobilidade urbana e a calidade habitacional, funcional e estética" de toda a zona que rodea as estacións.
A disposición do aparcadoiro permitiría ademais liberar de prazas de aparcadoiro a superficie dos terreos nos que se construirá o pavillón deportivo da Parda, que os socialistas propoñen rodear dun bosque urbano sen coches.
Cubrir estas infraestruturas ferroviarias, subliñou Puentes, "é unha práctica común en moitas cidades" e contribuiría ademais a completar "realmente" a intermodalidade no sistema de transporte público de Pontevedra.
Na presentación deste proxecto, o candidato socialista estivo acompañado por Carmela Silva, que definiu esta actuación como "certamente ambiciosa, extraordinaria e necesaria" para Pontevedra, recuperando as vías con iniciativas que permiten construír "urbes amables".
"Este proxecto axuda a mellorar o modelo de cidade e vouno describir con tres palabras: chegar, aparcar, camiñar", sentenciou Silva, creando un espazo con zonas verdes que permitan que, unha vez que aparques, "poidas xa empezar a camiñar e entrar no núcleo urbano".
Relacionadas:
-
O ministro Escrivá reclama "poner énfasis" nas políticas para as personas máis vulnerables
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PSOE apela a desbotar "viejas recetas" para "relanzar" Pontevedra con Iván Puentes á fronte
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PSOE quere converter a beira do Lérez nunha 'terraza fluvial' na que "mollar os pés"
Por Manu Otero |
-
Un carril de tráfico e conexión co Paseo das Palmeiras, o plan do PSOE para Raíña Vitoria
Por Manu Otero |
-
Iván Puentes, sobre a campaña de Lores: "Cando non tes nada novo que ofrecer, vendes medo"
Por Redacción |
-
O PSOE quere aproveitar o 'ciclón vigués' e crear unha marca propia para o Nadal pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Os candidatos do PSOE á alcaldía de Pontevedra e Campo Lameiro prometen unha rede conxunta de sendas fluviais
Por Redacción |