Músicos e salas, ante o reto de chegar ao público con formatos "que sexan atractivos"

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Hai salas dispostas a programar, hai artistas con ganas de mostrar o seu traballo… pero hai público suficiente para consumir esta cultura? Sobre esa idea virou o primeiro dos encontros técnicos do programa Cabos Soltos, que reúne estes días en Pontevedra a expertos en diferentes ámbitos para reflexionar sobre o estado da industria musical.
O xornalista Carlos Crespo teno claro. O sector debe "achegar a música ao público" e, ademais de "concienciarlles" para que entendan o valor da cultura, débese apostar por formatos "que sexan atractivos". Todo iso ten que estar encamiñado, engadiu, "a crear un tecido que soporte este escenario".
O obxectivo tería que ser, sinalou, que o público chegue aos locais "e se atope con música en directo aínda que non a espere", xa que entende que iso "crea hábito". Celebra, iso si, que en Pontevedra exista unha oferta "consolidada" fronte a outras cidades nas que esta cultura de base "está a desaparecer".
A pesar de todo, recomenda abandonar a "imaxe idealizada" do sector, xa que Crespo lembrou que en Galicia hai "apenas unha ducia" de bandas que viven só da súa música e as salas "xóganse moito" cando programan un concerto. O apoio das institucións e do público resulta "fundamental", xa que "non se pode subsistir só con heroicidade".
A este respecto, o músico Gonzalo Maceira asegurou que aprecia un "movemento" na rúa "moito máis grande" que hai uns quince anos, polo que iniciativas como Cabos Soltos "dános a posibilidade de crear lazos" e avanzar cara á creación dunha "pequena industria musical" na cidade de Pontevedra.
"É o que necesitamos. Circuítos pequenos que nos de visibilidade", explicou na súa intervención, especialmente cando Pontevedra conta cun catálogo de artistas "moi heteroxéneo" e onde os mozos chegan pisando forte, con "novas formas de entender a música" e coa necesidade de contar cunha plataforma de difusión.
Subliñou que as salas e os artistas que tratan de sobrevivir son "uns heroes" e reclamou que ante un escenario que "está a cambiar constantemente", o sector necesita adaptarse ás novas realidades. Sobre isto, engadiu, "queda moito por facer" e reivindicou que "non é certo" que para un músico "se non estás en Madrid non es nada".
O panel de expertos completouse coa concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, responsable do programa Cabos Soltos, que defendeu a necesidade de que a cidade "aproveite todo o talento" que hai en Pontevedra, ao entender que esta aposta por unha identidade cultural propia "beneficia á marca de cidade".
Gulías reivindicou a importancia de "planificar que política cultural queremos" e lembrou que Pontevedra "sempre apostou" porque os grupos que había na cidade tocasen nos programas municipais e "darlle visibilidade a todo o que había". É unha cuestión, dixo, de "resistencia, revolución e loita" e de "non cruzarnos de brazos".
ESTATUTO DO ARTISTA
A xornada matinal incluíu tamén unha mesa redonda sobre os dereitos que asisten aos músicos, nun momento no que se está redactando un novo Estatuto do Artista e se adoptaron unha serie de medidas normativas como a baixada do IVE ou o novo tratamento do IRPF na tributación de salas e músicos.
O estatuto actual, vixente desde hai 34 anos, non representa a realidade actual porque "a escena musical non é a que era", explicou Carmen Zapata, xerente da Plataforma Estatal pola Música. Músicos e salas, engadiu, "están de acordo" na "precariedade" na que traballan ante un decreto "obsoleto" e que resulta de "moi difícil aplicación".
Do mesmo xeito que Herminia Martínez, coordinadora de Girando por Salas, reclamou ao Goberno que "se adapte ás novas realidades" e, sobre todo, aprobe un novo réxime de autónomos que sexa "específico" para os artistas, de forma que paguen en función do que facturen e das actuacións que fagan.
"Non hai escusas para que non se faga", sinalaron, coincidindo con Manuel Alonso, xerente de Músicas ao Vivo, que puxo o foco na "liña difusa" que existe entre "o profesional e o amateur", ante o cal "é importante" que os músicos "estean cubertos e se lles de facilidades" para poder desenvolver a súa carreira artística.
De feito, a música Ánxela Baltar, integrante do grupo Bala, explicou as dificultades que se atopan os artistas para traballar porque "é moi complicado saber a quen lle corresponde facer as cousas" e os músicos sofren unha "desprotección absoluta".
A escena emerxente de Pontevedra, a análise en Cabos Soltos
Hai salas dispostas a programar, hai artistas con ganas de mostrar o seu traballo… pero hai público suficiente para consumir esta cultura? Sobre esa idea virou o primeiro dos encontros técnicos do programa Cabos Soltos, que reúne estes días en Pontevedra a expertos en diferentes ámbitos para reflexionar sobre o estado da industria musical
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Salas e grandes festivais, a debate en Cabos Soltos: Condenados a entenderse?
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: A escena musical de Pontevedra nos Cabos Soltos
Por Marisa Ciordia |
-
Un impecable Ángel Stanich brilla na Sala Karma como padriño de Cabos Soltos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
"Como consumidor as novas plataformas son unha pasada, como artista son unha ruína"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Nace Cabos Soltos, unha iniciativa municipal para que agrome a cultura emerxente de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Un encontro técnico sobre a industria musical completará a presentación de Cabos Soltos
Por Redacción |
-
Máis de trinta concertos animarán o debut de Cabos Soltos en Pontevedra
Por Redacción |
-
Anabel Gulías: "Temos que favorecer a cultura en pequeno formato. En Galicia están a facerse cousas moi potentes"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |