O BNG creará unha rede de voluntariado para dar un "salto adiante" na acción solidaria dos pontevedreses
Por Alejandro Espiño
Unha oficina do voluntariado. É a gran aposta que o candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lles explicou este martes a unha ducia de asociacións do ámbito social coas que se reuniu no Café Moderno. Trátase de colectivos que xa colaboraban co goberno municipal nalgún dos proxectos impulsados desde a Casa Azul como a Redeaxuda, o proxecto Hedra ou o ámbito da discapacidade.
"Estamos a facer o proxecto das persoas que queren colaborar coas persoas, para un concello premiado porque está pensado para as persoas", sinalou Fernández Lores, que destacou que esta oficina pretende artellar a "acción solidaria e desinteresada" dos veciños e veciñas de Pontevedra.
Con esta oficina de voluntariado, o BNG busca regular á acción voluntaria en todos os ámbitos, tanto os que xa están en marcha como o voluntariado deportivo e os Camiños Escolares, e os que as persoas demandan como o voluntariado de acompañamento a persoas maiores ou sectores vulnerables para realizar trámites legais e administrativos; ou o voluntariado cultural, intercultural, interxeracional, internacional, medioambiental e social.
As primeiras accións irán encamiñadas a difundir o programa, especialmente na xente moza para buscar unha implicación real e acorde ás características de cada quen, e a formación nos dereitos e deberes do voluntariado. Todo iso "deixando ben claro" que esta labor dos voluntarios "non substituirá nunca o traballo efectivo e imprescindible" dos profesionais necesarios para a xestión diaria de estes colectivos.
En todo caso, Fernández Lores reiterou que Pontevedra ten a experiencia previa da Redeaxuda e a "colaboradora" sociedade pontevedresa, polo que augurou que será unha iniciativa que terá moito éxito. Será, dixo, un "salto adiante" na solidariedade dentro do Concello.