Valentín Bóveda: "Despois de coñecer a Pilar Dopazo (CxG), a semente de Bóveda segue viva"
Por Natalia Puga
Poucas semanas antes do inicio da campaña electoral ás eleccións municipais, os netos de Alexandre Bóveda e Xosé Filgueira Valverde rexeitaban a utilización política dos seus avós. O neto do primeiro, intelectual galeguista fusilado en 1936, mantén esa postura de afastarse da vida política e insiste en que "politicamente non lle dou apoio a ninguén", pero este domingo, coincidindo precisamente coa data simbólica do Día das Letras Galegas e a homenaxe a Filgueira Valverde, quixo agradecer a implicación dunha das alcaldables de Pontevedra, Pilar Dopazo (Compromiso por Galicia) para preservar a figura do seu avó e de todas as vítimas do franquismo.
En declaracións a PontevedraViva, Valentín Bóveda quixo mostrar a súa "ledicia de saber que despois de coñecer a Pilar Dopazo a semente de Bóveda segue viva". Tivo esta constatación a raíz dos encontros que mantivo nos últimos tempos con políticos de todas as cores para presentar a proposta de institucionalizar o 16 de agosto, aniversario do fusilamento do seu avó na Caeira, como Día da Galiza Martir.
Cando se reuniu coa candidata de Compromiso por Galicia Ponteveda atopouse cunha persoa compremetida co "traballo pola memoria" e agora destaca que o nacimento de forzas políticas como a súa, tanto a nivel galego como local, "non deixa de ser unha proba de que esa semente de Bóveda segue viva" e do triunfo dos valores que no seu día promoveu o Partido Galeguista.
Días atrás, Valentín Bóveda amosábase crítico co feito de que "a figura de Bóveda utilízase politicamente porque non se utiliza institucionalmente". Este 17 de maio, reunido con Pilar Dopazo no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, onde se homenaxeaba a Filgueira Valverde, volveu criticar que todas as forzas políticas non se xunten para lembrar ás vítimas da Guerra Civil e o Franquismo e reclamou que "deixemos de facer actos distintos dunha vez por todas".
Bóveda é, ao seu xuizo, representante de todas as vítimas e os actos deberían ser conxuntos. Esta postura compártea Pilar Dopazo, que deu o apoio da súa formación á institucionalización do Día da Galiza Martir que está a promover a Fundación Bóveda e se amosou partidaria de que "non se abran tantos frentes, os actos se celebren todos xuntos" nun día que sirva para recuperar esa "memoria democrática" da que Bóveda é grande representante.
Valentín Bóveda aposta por "falar todos -os partidos- para construir unha memoria poliédrica" fronte á "memoria polarizada", pero, para conseguilo, é necesario que todos remen na mesma dirección, "todos construíndo". Só se conseguirá, dende o seu punto de vista, a través do diálogo. El, pola súa parte, seguirá a dialogar con todos, que é a liña pola que quere seguir a Fundación Boveda e, no caso de Compromiso por Galicia en Pontevedra, despois dunha primeira reunión informal, seguirán a traballar xuntos.
Relacionadas:
-
Compromiso por Galicia propón destinar a zona verde o aparcadoiro de Pasarón e crear outro máis amplo
Por Redacción |
-
Compromiso por Galicia anima aos "desencantados do PSOE" a que lles voten
Por Oskar Viéitez & Daniel Santomé |
-
Un clúster empresarial da arte e o deseño, aposta de CxG para o antigo edificio de Facenda
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Netos de Alexandre Bóveda e de Filgueira Valverde rexeitan a utilización política dos seus avós
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O neto de Bóveda aplaude a "valentía" de Ángel Moldes no apoio do PP de Poio ao fusilado
Por Natalia Puga |
-
A Fundación Alexandre Bóveda impulsa a creación dunha comisión sobre a Memoria Histórica no Parlamento galego
Por Redacción |