Netos de Alexandre Bóveda e de Filgueira Valverde rexeitan a utilización política dos seus avós
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"No Estado español hai unha triste historia de politización de vítimas do alzamento ou da banda terrorista ETA e entendemos que institucionalizar este día deixaría de politizar e crearía un beneficio para a sociedade na creación dunha memoria democrática e poliédrica, non subxectiva nas persoas senón obxectiva do Estado, que é quen ten que velar pola memoria pública", con esta frase Valentín García Bóveda manifestaba a súa oposición a que se politice a institucionalización do Día de Galiza Mártir.
O neto de Alexandre Bóveda comparecía co neto de Xosé Filgueira Valverde, Ignacio Medina, acompañando á concelleira non adscrita, María Biempica e ao representante da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez-Rey Farto.
A concelleira asinaba o seu apoio á petición da declaración institucional do Día de Galiza Mártir que "por una incidencia" non votara no pleno de marzo de 2014 cando se encontraba aínda nas filas do Partido Popular e ausentárase da sesión. Agora, a petición da Fundación, a concelleira quixo mostrar a súa solidariedade con esta causa e lamentou que o PP non quixese volver levalo a pleno.
Ernesto Vázquez-Rey e Valentín García Bóveda culparon a dirección do PP en Santiago de opoñerse a esta iniciativa en Pontevedra a pesar de que varios dos concelleiros de Jacobo Moreira mostraron o seu apoio a esta proposta.
Indican, ademais, que os plenos de xeito unánime das corporacións de Bueu e Poio si pediron a institucionalización do Día de Galiza Mártir, cos votos a favor do PP. Para evitar a politización da figura do intelectual pontevedrés, dende a Fundación reclaman un tratamento oficial: "a figura de Bóveda utilízase politicamente porque non se utiliza institucionalmente", apuntou Vázquez-Rey Farto. García Bóveda engadiu que "unha memoria democrática fornece a sociedade de construción crítica e cívica fronte á democracia e fronte as non repeticións do acaído no Estado".
Ignacio Medina: "Cáusame moita tristeza que se politice todo o tema da cultura galega, como sucede co meu avó"
Pola súa banda, Ignacio Medina, neto de Filgueira Valverde e integrante do partido Todos por Pontevedra que lidera María Biempica, tamén mostrou o seu malestar polo debate político sobre a figura do seu avó, tras os ataques do BNG ao homenaxeado no Día das Letras Galegas pola súa etapa como alcalde de Pontevedra no período franquista: "Cáusame moita tristeza que se politice todo o tema da cultura galega, como sucede co meu avó" e, a continuación, argumentou que "xa vai sendo hora de que se vexa a cultura que fixo a xente por Galiza e que loitou porque a cultura e o galego se mostrase a nivel nacional e internacional, que é algo máis que o franquismo e a dereita franquista".
Relacionadas:
-
O Día de Galiza Mártir celébrase, por primeira vez, con divisións nacionalistas
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Jacobo Moreira pide a institucionalización do día 17 de agosto como Día da Galicia Mártir
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Valentín Bóveda: "Despois de coñecer a Pilar Dopazo (CxG), a semente de Bóveda segue viva"
Por Natalia Puga |
-
Alonso Montero presenta a Filgueira Valverde como un intelectual que "traballou dende dentro do Réxime erosionando a ditadura de Franco"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O neto de Bóveda aplaude a "valentía" de Ángel Moldes no apoio do PP de Poio ao fusilado
Por Natalia Puga |