Feijóo pide o voto para o PP como garante de "concellos libres de imposicións e extremismos"
Por Redacción
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu este domingo o voto en Poio para o seu partido como o único que pode garantir "concellos libres de imposicións e extremismos" sen pactar con outras agrupacións.
O voto para o PP é, para Feijóo, o único que posibilita municipios libres para que se poida desenvolver un proxecto, nos que "non haxa que estar pendente da chantaxe da minoría", nos que soamente haxa que responder ante a xente e libres para gobernar para todos, centrarse no que importa e traballar, facer e crecer xuntos.
Esta intervención realizouna nunha comida-mitin en Poio acompañado polo candidato á Alcaldía, Ángel Moldes, na que fixo fincapé en que o nacionalismo e o extremismo é o contrario a estar xuntos, posto que "desde a división e o enfrontamento xamais se levantou nada máis que muros que nos separan e desde a unidade –xuntos- é como se está a levantar este país".
Durante a súa intervención, tamén trasladou a súa felicitación e o seu respaldo ao equipo do PP de Poio, e animounos a seguir traballando "colectivo a colectivo e veciño a veciño", tanto antes como despois do domingo electoral.
Tras destacar as virtudes do candidato popular, que "representa ao futuro e pensa en novas respostas para o Concello", comprometeu o apoio da Xunta de Galicia ás necesidades deste municipio, como ata agora. A modo de exemplo, repasou algúns dos proxectos que o Goberno galego impulsou no Concello ao longo dos últimos anos, como a instalación dunha minidepuradora na lonxa de Campelo ou investimentos para mellorar o saneamento.