Desembarco ministerial para anunciar que se ampliará o paseo entre Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga & Daniel Santomé
As ministras de Fomento e Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Ana Pastor e Isabel García Tejerina, realizaron na mañá deste sábado un acto dobre en Pontevedra e Sanxenxo para anunciar proxectos dos seus respectivos departamentos en ambos os dous municipios: a ampliación do paseo peonil entre Pontevedra e Marín e a recuperación da praia da Carabuxeira en Sanxenxo.
No caso do paseo Pontevedra-Marín, anunciaron que a obra a acometerán de forma conxunta ambos os dous ministerios e que no mes de xuño se encargará a redacción do proxecto coa previsión de que ao longo do mes de outubro pode sacarse a licitación e empezar a executalo "lo antes posible".
O proxecto anunciouse en plena campaña, pero Ana Pastor asegura que non se trata dunha promesa con tinguiduras electoralistas, senón que se presentou agora porque "tiene el dinero" xa consignado. Segundo explicou, ata agora non o deran a coñecer porque lle faltaba dispoñer dos fondos necesarios e no seu Goberno "nunca hablamos de obras para las que no hay dinero".
A obra está presupostada en 2,6 millóns de euros e supoñerá un tramo de dous quilómetros bordeando a ría que se enmarca no programa do PP para "devolver el medio ambiente a los ciudadanos".
As ministras percorrerona pé un tramo da avenida de Marín acompañadas polo candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira; o presidente provincial do partido, Rafael Louzán; a senadora Dolores Pan; e diversos membros da candidatura 'popular' pontevedresa. Xa antes viaxara entre Marín e Pontevedra para coñecer o resto da zona pola que discorrerá o paseo.
O proxecto está enfocado para "quienes tienen una ciudad para poder caminar mirando a una ría" e co fin de que "Pontevedra esté unida con Marín". Ao respecto, Jacobo Moreira agradeceu o respaldo de ambas as dúas ministras a un proxecto que se centra nas persoas e en "unir a los vecinos de Pontevedra". É unha actuación que, na súa opinión, permitirá "saldar la deuda" que tiña o Goberno BNG-PSOE cos veciños de Estribela e Lourizán, que levan "16 años de abandono por parte del Gobierno de Lores".
REACCIÓN EN PONTEVEDRA
Pasara apenas unha hora do anuncio cando o concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra e integrante da candidatura do BNG, César Mosquera, compareceu ante os medios para explicar a súa postura. Satisfeito con que se desempoase o proxecto, proposto polo propio concello ao Goberno estatal, quixo facer pública a súa "queixa pola falta de elegancia" que, ao seu xuízo, sopone anunciar a actuación en campaña e sen comunicarllo antes ao Goberno local.
Mosquera espera que "realmente sexa o que se dixo" e que non quede "en promesa electoral" e aproveitou para criticar o líder do PP en Pontevedra pola súa falta de apoio previo a este proxecto. "Nos ministerios parece que son máis razoables que no PP local", opinou, pois fronte á "zoquetería do PP local" impulsaron este proxecto dende dous ministerios que "saben algo máis".