A candidatura do BNG percorre a cidade e o rural con encontros veciñais
Por Redacción
Toda a candidatura do BNG botouse esta xornada á rúa para manter contactos directos cos veciños dos barrios e parroquias de Pontevedra, seguindo a liña acordada de que esta campaña teña máis activismo social ca nunca.
Preguntas, suxestións, conversas e entregas de material de campaña coma a banda deseñada Lorix 2015 e o resumo programático do BNG, foron as distintas actividades que se viñeron facendo nesta xornada na que os membros da candidatura visitaron barrios como o de Campolongo, Eduardo Pondal ou centro da cidade a partir da Peregrina, así como en parroquias como Lérez, Lourizán, Tomeza, Santo André de Xeve, Verducido, Salcedo ou Campañó.
Segundo os nacionalistas "os candidatos foron moi ben acollidos polos veciños así como o programa electoral de Lores 2015", polo que repetirán fórmula de contacto directo coa cidadanía este mércores con outros tantos encontros veciñais en Canicouva, Marcón, Cerponzóns, Santa María de Xeve, Alba, Lourizán ou tamén en barrios como na Parda ou o Burgo.
O BNG continuará coa visita a todos barrios e parroquias, varias veces, durante a campaña facendo encontro con veciños, entidades, colectivos para trasladar o seu programa electoral, un documento que valoran coma "serio, obxectivo, rigoroso con accións eticamente a administrativamente executables".