Lores xunta mulleres rurais para reafirmar o seu compromiso coa dinamización económica das parroquias
Por Redacción
Achegarse a un grupo de mulleres que viven, dinamizan e traballan no rural foi o que fixo este xoves Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra. Foi unha charla distendida que serviu para coñecer mellor o tipo de traballo que fan na gran cantidade de centros culturais esparexidos polas parroquias. Víronse precisamente nun dos últimos construídos, resultado da restauración da vella escola de Lusquiños, en Tomeza.
Estas mulleres expuxeron as circunstancias que rodean o seu traballo voluntario, "imprescindible para que os centros culturais parroquiais sexan entes vivos e dinámicos, auténticos epicentros do movemento asociativo", sinalou Fernández Lores. Había entre elas representantes de asociacións culturais, de veciños, deportivas, folclóricas, comunidades de montes ou asociacións recreativas.
O candidato do BNG agradeceu o seu "impagable traballo" a prol das súas comunidades parroquiais, e subliñou que esa era a "auténtica participación cidadá", xa que conseguindo socializar aos veciños e veciñas, estes tamén se implican máis no porvir das parroquias e do conxunto do Concello.
Seguir estimulando esta participación materialízase nunha das principais propostas do BNG para este período. Os nacionalistas apostan por desenvolver máis a figura dos Consellos Parroquiais, dotándoos dunha maior entidade xurídica, regulando a súa vida pública e mellorando a súa comunicación coa veciñanza.
Así mesmo, seguir a traballar para conseguir un rural economicamente cada vez máis dinámico é unha das prioridades do contorno rural da cidade para o BNG, así como estender elementos de calidade da vida urbana tamén para os lugares afastados da capital, para o que resulta imprescindible avanzar na creación de núcleos de centralidade parroquial.
Relacionadas:
-
Lores vai de furanchos para dar a coñecer o seu programa
Por Redacción |
-
Lores reivindica en Lérez que Pontevedra ten a máis completa rede de saneamento das cidades galegas
Por Redacción |
-
Lores, no mitin central do BNG: "As cidades que queren avanzar miran para o que se fai en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis de 300 mozos apoian a reelección de Lores como alcalde
Por Redacción |
-
A candidatura do BNG percorre a cidade e o rural con encontros veciñais
Por Redacción |
-
O BNG aposta por estender as hortas urbanas polos barrios
Por Redacción |