O BNG non prometerá o que non poida cumprir "o noso programa é rigoroso e realista"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A candidatura do BNG aprobou este sábado o programa electoral nunha reunión na que estivo presente o candidato a alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores antes de partir de viaxe cara Nova York para recibir -en calidade de actual alcalde-, o último premio que se lle concedeu a Pontevedra, explicou o número 6 da candidatura César Mosquera que compareceu logo da reunión coa número 2 da lista, Anabel Gulías.
"Elaborouse con achegas da militancia, simpatizantes e tamén de veciños", ademais de engadir a experiencia en xestión municipal de moitas persoas que agora forman parte do equipo de Goberno, segundo explicou Anabel Gulías quen indicou que o resultado é un programa "serio, obxectivo e rigoroso que estará en constante revisión".
O programa parte cuns grandes retos dos cales Gulías destacou o posicionamento do BNG ao respecto da factoría de Lourizán: Ence. "O noso posicionamento sobre Ence nunca variou: é unha empresa altamente contaminante que debe abandonar a ría". Outro dos retos salientables é incrementar os índices de participación real coa creación de Consellos Territoriais que complementarían a outras ferramentas xa en uso como os Consellos Parroquiais.
Potenciar a identidade de Pontevedra, os deportes, a política de cidade... son algúns dos retos concretados no programa a través de medidas como estudar a creación dun transporte público a demanda, completar o paseo peonil cara Marín, incrementar a atención sobre as parroquias ou fomentar a participación social.
Pero, sobre todo, o programa electoral creouse cunha premisa básica: "traballar sobre medidas realizables". De feito, César Mosquera explicou que "o programa tivo unha dificultade, xa que procuramos que todo o que estea recollido sexan liñas de actuación executables".
Lembrou que a Lei 27/2013 de racionalización e sostenibilidade da Administración Local cambiou as regras da xestión municipal xa que o que até o de agora eran competencias municipais ou estaban nun limbo legal, agora están expresamente prohibidas como por exemplo a promoción do emprego, moitas das áreas de Benestar Social nas que o Concello está a investir 8 millóns de euros ao ano, a colaboración no eido da Educación, entre outras.
César Mosquera indicou que "as outras forzas políticas parece que non se enteraron do cambio, por iso nós só poñemos neste programa aquelas cousas que eticamente e administrativamente estamos convencidos de que se poden facer". De feito, o programa electoral arranca describindo a situación actual, "que tal vez non sexa o máis interesante, pero si o que nos permite fixarmos a situación actual".
AUSENCIA DO CANDIDATO
Dende este sábado e até o mércores, o candidato a alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores estará fora de Pontevedra representando á cidade na recollida do último galardón que se lle outorga a Pontevedra. Segundo explicou César Mosquera, "o candidato estará de volta o mércores pero crimos máis importante o posicionamento internacional de Pontevedra, que que o alcalde estivese aquí en Campaña".
A pesar de que o aspirante á Alcaldía estará fóra uns días "nós imos seguir coa Campaña aínda que non estea el", facendo reparto da publicación tanto na cidade e nos seus barrios como nas parroquias do rural, actos de encontros coa mocidade, visitas e reunións.