O PP de Marín propón a reurbanización da Avenida de Ourense
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular propón, de cara á próxima lexislatura se ten a posibilidade de gobernar no Concello de Marín, unha nova regulación dos espazos de beirarrúas na Avenida de Ourense, cunha entrada "máis humanizada" e creando unha rotonda.
Aproveitando as obras do colector que vai acometer Augas de Galicia, o Partido Popular de Marín propón no seu programa electoral a reurbanización da avenida de Ourense, permitindo a transformación da estrada nun vial urbano, "coa necesaria adecuación da sección actual do vial á escala do peón sen perder por iso funcionalidade para o tráfico".
A proposta inclúe ensanchar a beirarrúa, renovar as beirarrúas, mellorar a accesibilidade e a iluminación pública e manter o número de prazas de aparcadoiro existentes na medida do posible, así como os dous carrís existentes na actualidade.
Ademais os populares prometen a execución dunha rotonda de dobre carril na intersección coa Rúa Vidal Pazos. A modificación das circulacións nesta zona permitiría que a incorporación á avenida de Ourense dende a rúa Carballiño, que actualmente está regulada mediante semáforos, se poida realizar mediante un carril de transición que favoreza a incorporación dos vehículos en ambas as dúas direccións, podendo así retirar os semáforos existentes e dotar de maior fluidez ao tráfico que se incorpora á avenida.