"Aquí hai dous candidatos. O señor Lores e eu. El avoga por pechar empresas e eu por mantelas e abrir máis"
Tras un comezo titubeante á fronte do grupo municipal do PP -que incluíu a saída de catro dos seus edís-, Jacobo Moreira (Santiago de Compostela, 1973) consolidouse co tempo como voceiro dos populares en Pontevedra. Por diante, ten agora o reto de recuperar unha Alcaldía que se lles resiste dende hai 16 anos. El teno claro. Os pontevedreses queren cambio e iso só o pode dar o proxecto que el encabeza.
"Todo o que non sexa votar ao PP vai favorecer directa ou indirectamente a maioría absoluta de Lores", asegura un Moreira que, por fin, se rodeou dun equipo feito á súa medida. Cre que Miguel Anxo Fernández Lores é un alcalde "esgotado" e entende que "é normal cando un leva 16 anos de política, non tes a mesma forza e ganas de traballar". Crear emprego e dinamizar a economía local serían, din, as prioridades do seu goberno.
Como chega o PP a este 24 de maio?
Con moita ilusión, cun traballo feito durante todos estes anos de escoitar aos veciños, algo que botan de menos no concello e, sobre todo, con propostas para dar solución a problemas que en 16 anos non se resolveron. Estamos a ter moi boas sensacións na rúa, os cidadáns están sorprendidos de que un político se achegue a eles, os escoite. Botábano en falta.
A xente busca un cambio, quere caras novas, frescura, ilusión... e todo iso transmitímolo nós. Un equipo renovado con persoas que estaban xa en política e outros que non estaban e que deron un paso adiante involucrándose no proxecto do PP, algo que non é doado nun tempo no que a política está tan deostada. Hai confianza neste partido para que lle deamos a volta á situación de Pontevedra.
E cres que os casos de corrupción, a nivel nacional, poden chegar a prexudicar as vosas aspiracións?
Agora mesmo é o momento da democracia máis complicado, no que a política está máis deostada e as enquisas traducen que o que máis lles preocupa aos cidadáns é a corrupción. Eu mesmo denuncio que houbo persoas noutros lugares de España que fixeron cousas que eu deostei e aborrezo publicamente. Hai que expulsalas da política.
Pero na política local vótase en clave distinta, vótase máis á persoa. Estamos a conseguir vencer iso presentándonos cara a cara, dándonos a coñecer, demostrando que somos veciños cos mesmos problemas que os cidadáns, que sentimos Pontevedra e pisamos a rúa. Están a ver que somos persoas honestas, honradas, comprometidas e iso é o que están a valorar. A percepción que temos é boa.
"Hoxe en día, calquera opción que non sexa votar ao PP non vai significar un cambio (...) vai favorecer directa ou indirectamente a maioría absoluta de Lores"
E neste sentido, é Lores o único rival do PP? Ou dito doutro xeito, é o PP o único que pode arrebatarlle a Alcaldía ao BNG?
Ás veces se me malinterpreta coma se fose de sobrado e menosprezase ás demais forzas políticas, pero hai que ser realistas. Hoxe en día, calquera opción que non sexa votar ao PP non vai significar un cambio. Pode significar que se lle dea a maioría absoluta a Lores ou que ese voto vaia a forzas minoritarias que non consigan chegar ao albor do 5% e polo tanto sexan votos que non sexan útiles.
Hai que dicirlle aos veciños que a única posibilidade de cambio é que goberne o PP. Porque todo o demais vai ser unha repartición de votos entre partidos que estamos convencidos de que ao final se van aliar e van apoiar ao BNG, polo que seguiriamos tendo a Lores como alcalde e non cambiaría nada. Todo o que non sexa votar ao PP vai favorecer directa ou indirectamente a maioría absoluta de Lores.
E cre que Lores está esgotado como alcalde?
Sen dúbida. É unha percepción que temos nós dende hai tempo e que están a ter os veciños. A Lores xa se lle nota que non ten ilusión, que non ten ganas. Nos últimos catro anos de goberno se pensas que proxectos levou a cabo é imposible dicir nada, limitouse a tarefas de mantemento. É normal cando un leva 16 anos de política, non tes a mesma forza e ganas de traballar. E Lores está claro que non as ten.
A este respecto, en que se vai centrar o programa de goberno do PP?
O noso programa vaise basear, fundamentalmente, nunha estratexia global de emprego que vai ter varias liñas de actuación. Van converxer nun único fin, a formación dos veciños que están nunha franxa complicada. Hai que mellorar os plans de emprego, chegar a convenios en empresas, fomentar viveiros, ampliar o chan empresarial dispoñible... E, por suposto, o alcalde ten que actuar como un director comercial, ten que saír fóra a vender a cidade e captar investimentos. É bo que o alcalde viaxe, pero non para facer turismo.
"O maior reproche que se lle vai facer a Lores no futuro non é que non baixase a taxa de desemprego, senón que non o intentase"
Consideras que foron, en relación a este asunto, catro anos perdidos?
A crise golpeou a todos, pero no último ano en todas as cidades de Galicia baixou en desemprego e en Pontevedra non. O maior reproche que se lle vai facer a Lores non é que non baixase a taxa de desemprego, senón que non o intentase. Pontevedra ten moitas posibilidades se fai os deberes para estar nunha boa posición de saída cando a actividade económica volva a repuntar. Quedamos moi atrás por carecer de PXOM e agora imos estar en desvantaxe con outras cidades, a pesar das nosas potencialidades. Calquera outro alcalde tería feito marabillas cos vimbios que ten Pontevedra.
E o PP cre que o modelo de cidade axuda ou prexudica á actividade económica?
As persoas que falan de modelo de cidade redúceno á peonalización. É unha parte que moitas persoas de Pontevedra a ven ben. Melloramos en calidade de vida e iso non o imos rebater. Iso hai que mantelo e é máis, melloralo e potencialo. Pero non se fixo conforme a un plan previamente trazado, senón a salto de mata, improvisando, sen contar con veciños e axentes económicos e sen establecer unha folla de ruta.
Ao final, todo iso conformou unha cidade semipeonil onde hai moitas carencias. O problema de tráfico segue sen resolverse e hai que reordenar as rúas, o tema dos lombos é esaxerado, aínda non temos transporte público... Como podemos ser modelo de mobilidade sen iso? E tampouco se pensou no pequeno comercio. A cidade está deseñada para as grandes franquías, pero esquecéusenos o comercio local. Está de capa caída.
Acúsasevos sempre de non alegraros dos premios que recibe Pontevedra...
Están a falsear a realidade, están a tratar de poñerse un escudo sobre algo que non dixen. A proxección positiva de que Pontevedra se nomee a nivel internacional hai que apoiala e mantela. O que me pregunro é que retorno cuantificable ten iso. Por que non se leva unha axenda institucional a esas viaxes e se fan contactos? Se ao final pagamos as viaxes para que o alcalde se promova, son recursos perdidos. Lores está doído porque os cidadáns non lle deron nunca a maioría absoluta e parece que busca fóra de Pontevedra un recoñecemento persoal para satisfacer o seu ego.
Nos últimos días fixestes moito fincapé en dous asuntos, o gasto social e o rural. Por que? Son dúas áreas que entendedes que non foron atendidas correctamente?
Temos visto que Pontevedra ocupa o último lugar xunto con Teruel en gasto social por habitante. Nun momento no que máis falta fai, o Concello despreocupouse. Nós imos incrementar este gasto social e, entre outras medidas, recuperaremos o equipo de inclusión social. E no rural, non se fixo nada en catro anos. O saneamento segue sen completarse e ímonos centrar niso. Para nós é unha prioridade igualar en servizos básicos a todos os veciños antes de afrontar outro tipo de actuacións. Iso, e proporcionar ás parroquias un transporte público para facilitarlles que veñan á cidade.
Onde o tedes claro, é en relación a ENCE. Por que esa aposta tan decidida?
Son o primeiro ao que non lle gusta a fábrica aí e que se puidese quitala o faría. Pero hai unha realidade en Pontevedra, o paro é o principal problema. Os veciños terán en fronte dous candidatos. O señor Lores e eu. El avoga por pechar empresas e eu por mantelas e abrir máis. Ese o debate do día eleccións. Eu avoguei porque o traslado era a mellor opción, pero hai que ser realistas. Hoxe por hoxe, as opcións son dúas, ou segue ou pecha. Hai que tomar unha decisión.
E os cidadáns entenderán ese cambio de postura?
Se pensase de forma populista, iríame mellor dicir que se vaia. Pero eu non lle vou poñer un cadeado a unha fábrica que xera tanto traballo en Pontevedra se non teño unha alternativa. Se a houbese, non me doerían prendas en pechala. Un día terase que ir de aí, pero agora non é o momento. Como alcalde esixireille o máximo á empresa. Non son como outros partidos, que siga sen máis. Se o fai será con condicións: xerar máis emprego, investimentos en materia ambiental para reducir o seu impacto e que empece a devolver a Pontevedra o moito que a cidade lle deu.
Tamén cambiaron de opinión con respecto á planta de compostaxe...
Eu nunca avoguei por ese proxecto. Apoiámolo cunha condición, que a situación non tivese rexeitamento veciñal. Xestionouse moi mal, xogando a ruleta rusa con varias parroquias. Ao final foi para A Canicouva e os veciños de Ponte Sampaio, con toda a razón do mundo, dixeron que non estaban conformes. E por iso, por coherencia, rexeitámola. É un proxecto do BNG. Non é planta que exista e se fale de que siga ou se peche como ENCE, senón unha que non existe e que se quere situar con calzador e en contra os veciños. O noso é un non rotundo.
"Se pensase de forma populista, iríame mellor dicir que ENCE se vaia. Pero eu non lle vou poñer un cadeado a unha fábrica que xera tanto traballo en Pontevedra"
Hai quen esperaría esa mesma defensa dos veciños afectados pola A-57, que lles diría?
Sei que hai contestación por parte dos veciños, pero hai que dicirlles que ao principio o trazado ía ser máis preto da cidade e como había casas polo medio o que se fixo foi afastala. Antes non valía, agora tampouco porque afecta a zonas rústicas... o que non podemos é montar a autovía polo aire. Creo que temos que superar dunha vez por todas que sexamos a única capital de provincial sen circunvalación. Ter un presidente e unha ministra de Pontevedra posibilita que isto se poida facer, igual que o Eixe Atlántico e o AVE a Madrid. Agora xa non podemos parar isto.
Trasladémonos ao 25 de maio. Se ganas as eleccións, cal sería a primeira medida do teu goberno?
Todas as que están pendentes de firma. Entregar os terreos dos xulgados, rubricar o convenio co Sergas para a acometida de servizos para o novo hospital, avanzar no saneamento dos Gafos... O segundo, sentarme con todas as administracións que dispoñan de fondos en materia de emprego, reunir ao CES e montar unha estratexia global polo emprego. Ah! E poñer en marcha o PXOM.
E se o PP necesita de pactos, con quen se sentaría a negociar Jacobo Moreira?
Nós aspiramos a sacar a maioría absoluta. Outros partidos parten co obxectivo de que non goberne o PP. Estamos convencidos de que seremos o partido máis votado, pero se fixesen falta pactos sería sempre sobre a base de programa. O que non aceptan os veciños son pactos para salvagardar os políticos, que logren un asento e un soldo. Aquí o importante son as necesidades dos veciños, a partir de aí si poderiamos falar.
E a posible entrada de novos partidos na corporación axudaría ou dificultaría a gobernabilidade do Concello?
Depende de como se decante o voto, pero se entran moitas forzas políticas ou hai un goberno estable ou unha marfallada de forzas políticas que non se vai entender entre elas e que van facer que o Concello sexa ingobernable, que cada un tire para un lado e o prezo vano pagar os veciños de Pontevedra. Á hora de votar, os cidadáns terán que valorar se queren ter un goberno estable cunha folla de ruta marcada ou moitos partidos que dediquen o seu tempo e esforzo en pelexarse entre eles. Iso sería moi mala noticia para Pontevedra.
Relacionadas:
-
Chamadas cruzadas no 986843804 o 24M. O alcalde Jacobo chamará ao presidente Mariano? Ou ao revés?
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Moreira presenta os seus "15 motivos para darlle a volta" a Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Moreira presenta, baixo a chuvia, a lista íntegra do PP: "Nosotros sí nos mojamos por Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |