David Otero, cabeza de lista dun BNG que busca un Sanxenxo "máis aberto e participativo"
Por Redacción
Gobernar dun xeito distinto e alternativo a como se veu facendo en Sanxenxo nos últimos 16 anos. ÿ o obxectivo co que se presenta ás eleccións a candidatura de BNG-Asembleas Abertas. O seu cabeza de lista é David Otero, unha persoa de ampla experiencia e coñecemento da situación municipal como actual concelleiro da corporación.
Será, segundo o candidato, un grupo de persoas "coa decisión firme de impulsar o diálogo, a transparencia e a interlocución coas veciñas e veciños e en igual medida cos colectivos que os representan, como base sobre a cal construír entre todos unha democracia menos burocrática e máis aberta e participativa".
As liñas mestras do BNG serán a creación e consolidación de emprego a través da diversificación económica, con estratexias destinadas á captación de proxectos empresarias, o fortalecemento do comercio de proximidade e a ampliación da oferta turística actual a través da potenciación do ocio e o patrimonio municipal.
Ademais, os nacionalistas aseguran que priorizarán a calidade de vida, corrixindo as desigualdades sociais, defendendo os servizos públicos e promovendo a súa mellora, ao igual que un compromiso firme coa educación, garantindo unhas instalacións educativas dignas e atendendo ás diferentes realidades e necesidades das nenas e nenos neste eido. Apartados como o deporte, a vivenda, o medio ambiente ou a seguridade viaria tamén serán troncais.
Na candidatura do BNG intégranse unha combinación de persoas procedentes de distintos ámbitos como membros de diferentes asociacións veciñais, culturais e deportivas, cidadáns vinculados a movementos sociais reivindicativos e veciños comprometidos co concello de Sanxenxo, "todos eles con moitas gañas de traballar e unha gran vocación social", apunta David Otero.
Junto ao candidato á Alcaldía, a lista do BNG está formada por Sandra Fernández Agraso (2), Maximino González Piñeiro (3), Alejandro Piñeiro González (4), Elena Vilas Viñas (5), Porfirio Fernández Vidal (6), Tamara Castro Leiro (7), Arturo Acuña Da Silva (8), Rocío Garrido Caramés (9), Albino Caneda González (10), María Josefa García Martínez (11), Jose Manuel García Martínez (12), Amador Pacheco Fernández (13), María Beatriz Méndez Salgueiro (14), Xosé Manuel Rodríguez Domínguez (15), Xoel Otero Telmo (16) e María Dolores Aguín Martínez (17).