Un funcionario de Aduanas, número 2 de Telmo Martín; Paz Lago, María Deza e Marcos Guisasola siguen
Por Alejandro Espiño
Poñer a Sanxenxo "na cota que merece". Con ese obxectivo, Telmo Martín presentou este sábado ás vinte persoas que o acompañarán na candidatura do Partido Popular en Sanxenxo. Oito anos despois de abandonar a alcaldía o aínda deputado no Congreso chega con forzas renovadas e cunha lista que inclúe tres concelleiros do actual grupo de goberno e na que máis da metade dos seus membros non chegan aos 40 anos.
Nun acto celebrado na praza San Pedro de Vilalonga, Telmo Martín desvelou que Juan Antonio Deza Otero, un funcionario de Aduanas de 44 anos e veciño de Portonovo, será o número 2 da candidatura popular. A outra gran novidade na candidatura é a de Rafael Domínguez Piñeiro, profesor no instituto de Vilalonga e veciño de Noalla, que ocupará a cuarta praza.
O exalcalde de Sanxenxo recupera para a súa lista tres edís do grupo de goberno de Catalina González. Trátase de Paz Lago, María Deza e Marcos Guisasola, responsables de Cultura, Urbanismo e Facenda. Ocuparán os postos 3, 5 e 6, respectivamente. Entre os dez primeiros figuran tamén o empresario Alfonso Rea e o exconcelleiro Jaime Leiro (oito e nove) e as mozas Silvia Freire e Paula Martínez (sete e dez), de 32 e 31 anos.
Telmo Martín destacou que todos eles asumiron o lema sobre o que xirará o seu mandato se os sanxenxinos depositan nel a súa confianza: "traballo, cercanía e eficacia". Afirmou que o seu será un concello "transparente, aberto e que escoite aos veciños" e que terá que ser eficaz " porque temos que facer máis con menos", debido aos tempos que vivimos. "Temos que facer un esforzo para administrar moi ben os cartos da xente", explicou.
O candidato do PP á Alcaldía sinalou que para el será "fundamental" atender ás máis de 1.600 persoas que están sen emprego no municipio. Para iso, avanzou que un dos seus obxectivos será atraer eventos a Sanxenxo que permitan alongar a tempada turística, xa que recordou que o 65% da economía local depende deste sector. Ademais, comprométese a reactivar o proxecto do parque empresarial de Nantes e conectalo con Vilalonga.
"Non é tempo de grandes obras", recordou Martín, pero o popular non renuncia a impulsar proxectos como o novo colexio de Vilalonga ou a ansiada reforma da PO-308, unha mellora que "hai que facela e petaremos na mesa o onde faga falta" para que a Xunta a execute. Xunto a iso, dixo, a educación e o deporte será outra das súas prioridades para contar con "nenos mellor preparados e con talento".
LISTA COMPLETA
Xunto cos dez primeiros antes mencionados, a lista popular complétase con María del Mar Caneda (administrativa, 34 anos), Carmen Chan (patronista industrial, 40 anos), César Fernández (licenciado en Dereito, 25 anos), Ana Jabois (delineante, 35 anos), Silverio González (bombeiro, 32 anos), María Soto (licenciada en Económicas, 22 anos), José Casqueiro (veterinario, 40 anos), Katerin Iglesias (estudante, 22 anos), Adrián Feijóo (estudante, 22 anos), Paula Buezas (estudante, 21 anos) e Genaro Barral (vixilante de seguridade, 49 anos).
Relacionadas:
-
Telmo Martín promete invertir 7,6 millóns de euros para abrir Portonovo ao mar
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pastor e Núñez Feijóo respaldan a Telmo Martín na súa volta como candidato á alcaldía de Sanxenxo
Por Redacción |
-
David Otero, cabeza de lista dun BNG que busca un Sanxenxo "máis aberto e participativo"
Por Redacción |
-
Salvador Durán abandona a xestora do PP polo "erro colectivo" da designación de Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín encara o seu terceiro asalto á Alcaldía de Sanxenxo con "máis ilusión que a primeira vez"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP confirma a Telmo Martín como candidato á alcaldía de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |