O pickleball inventouse o século pasado en Estados Unidos e nese país actualmente practícano millóns de persoas, entre eles o magnate Bill Gates. A súa progesión non é allea para coñecidos deportistas da NBA como Lebron James que o ano pasado xa comprou un equipo de pickleball. En España está a gañar adeptos de forma exponencial, de feito está a aumentar a oferta e demanda de formación para poder ser monitor desta práctica deportiva.
Explica que é unha mestura de pádel, tenis e tenis de mesa con moitas vantaxes porque "non require dunhas instalacións xa que só precisa unha superficie chaira e dura e colocar unha rede", ademais, engade que a esixencia física é menor que nos anteriores e isto fai que sexa "inclusivo e interxeracional".
As pas que se utilizan teñen un formato similar ás populares pas de praia de madeira, aínda que tamén se fabrican outras máis sofisticadas de fibra de vidro. En canto á pelota é dun plástico ríxido furado, cuxa lixeireza fai que "non adquira moita velocidade e facilita a aprendizaxe porque permite peloteos moi longos".
Madrid, Andalucía e Canarias son as Comunidades con maior número de xogadores. Unha boa noticia para o pickleball español é que desde "fai dez días xa é un deporte federado"; por agora baixo o paraugas da Federación de Tenis e á espera de reunir o número de deportistas necesario para que se consiga unha federación propia.
En Pontevedra, APIGA levou a cabo algunha acción de visibilización e un par de entidades privadas xa habilitaron pistas nas súas instalacións deportivas para a práctica deste deporte. Tamén o Concello de Soutomaior xa dispón dunha pista de pickleball. Pioneiro é o caso do Colexio Sagrado Corazón de Praceres, en Marín, que conta tamén con pistas xa que o seu alumnado comezou a practicar esta disciplina deportiva desde a desescalada do confinamento.
A asociación está a presentar precisamente un proxecto escolar "para que o pickleball sexa un recurso didáctico no marco da actividade física e tamén como actividade extraescolar.
José Carlos Otero explicaba que "desde a Secretaría Xeral para o Deporte están a solicitarnos que ofrezamos xornadas de portas abertas en centros escolares". O hándicap é o reducido número de integrantes de APIGA para responder á demanda en toda Galicia. Por iso contemplan impartir un curso para formar monitores de pickleball.
O podcast completo pódese escoitar desde esta ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.