Traballada e merecida vitoria do Cisne (29-27) sobre o Seis do Nadal
Por Redacción
Unha mala arbitraxe e unha vitoria tan sufrida como importante e traballada a que conseguiu o Cisne sobre o Magope Seis do Nadal. Os colexiados cataláns realizaron un pésimo labor que deixou descontentos os dous equipos. Os de Edín Covelo, que estiveron máis acertados na primeira parte acusaron a baixa de Edu Domínguez, ao que perderán para o resto da liga por motivos laborais.
Tras o descanso o Seis do Nadal saíu máis intenso, conseguindo darlle a volta a un marcador no que sempre fora a remolque, aproveitando algunhas decisións arbitrais moi protestadas.
Pero os erros arbitrais repartíronse, cunha exclusión ao adestrador visitante, que deixou en inferioridade en pista ao Seis do Nadal, e o Cisne aproveitou para situarse con tres goles de vantaxe, un deles de David López, de portaría a portaría, aproveitando que os rivais xogaban con porteiro-xogador.
As precipitacións puxeron en perigo o triunfo local nos últimos minutos, pero un lanzamento de Rafa Dasilva sentenciou o resultado.
BM CISNE (29): Edu Alonso; Javier Vázquez (4), Rafa Gestido (3), Iván Abilleira (5), David López (4), Rafa Dasilva (9), Pablo Picallo -sete inicial-, Yago Gómez (p.s.), Pablo Rey (2), Andrés Sánchez (1), Álex Chan, Miguel Simón (1) e Carlos Rodríguez.
MAGOPE SEIS DO NADAL (27): Bangueses; Guillermo (6), Nacho (3), Denís (6), Costa (3), Escudero (1), Pablo (4) -sete inicial-, Bolly (p.s.), Roberto (2), Antón (1), Iván, Antón Rey (1) e Andrés.
Árbitros: Marc Mora e Víctor Pedrera (Colexio catalán). Excluíron por dous minutos a David López, Carlos Rodríguez (2) e Rafa Dasilva (3, descualificado a falta de 28 segundos), polo Cisne, e a Roberto (2) e Pablo (2), polo Seis do Nadal.
Marcador (cada cinco minutos): 4-2, 6-5, 8-8, 11-10, 13-12, 17-15 (descanso), 19-18, 20-21, 24-21, 24-24, 25-24 e 29-27 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 100 espectadores.