"Aposta sen precedentes" da Deputación apoiando 286 deportistas de elite da provincia
Por Redacción
A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra e responsable da área de Deportes, Marta Fernández-Tapias, informou este mércores das axudas aprobadas pola administración provincial para apoiar os deportistas pontevedreses de alto nivel.
Asegura Fernández-Tapias que se trata dunha "aposta sen precedentes" ao chegar ata os 286 deportistas beneficiarios, o que supón "un récord de beneficiarios coa cifra máis alta histórica nesta liña de axudas" permitindo "custear a súa participación en competicións e traer os seus logros a casa".
En concreto destinaranse ás axudas 250.000 euros que serán distribuídos entre 190 deportistas de alto nivel (nos que se inclúen 12 deportistas con discapacidade) e 96 novas promesas que recibirán ata un máximo de 3.000 euros. Vanse beneficiar, en palabras da vicepresidenta, "grandes nomes da nosa provincia como Teresa Portela, Desirée Vila, os irmáns Rodríguez Huertas (Iria, Roi e Uxía), Susana Rodríguez Gacio, Antía e Daniel Chamosa, Agustín Alejos, Antía Jácome ou Tono Campos, isto é, unha ampla representación do deporte de alto nivel da provincia".
A maiores, a representante da Deputación avanzou que o departamento que dirixe traballa xa en habilitar unha partida para apoiar aos deportistas que se convertan en olímpicos e paralímpicos en París 2024.
"As nosas expectativas están moi altas. Case xa podemos asegurar que teremos máis deportistas que en Tokyo 2020", explicou Marta Fernández-Tapias, polo que "estamos a pechar os detalles da liña, traballando co escenario máis optimista, co maior número de deportistas, e podemos asegurar que haberá orzamento suficiente para responder".