Tenis de mesa, hip hop, patinaxe e kick boxing, as novidades das escolas deportivas de Marín
Por Redacción
Coa chegada de setembro as escolas deportivas de Marín retoman a súa actividade. Farano, como é habitual, co acto de presentación de todas as modalidades que se ofertarán este ano. Será o mércores 6 de setembro na Alameda e no Parque Eguren.
A partir das cinco da tarde, os responsables das escolas explicarán os detalles das súas respectivas ofertas, segundo adiantan desde o Concello.
As novidades deste curso escolar serán a recuperación das escolas de tenis de mesa, hip hop e patinaxe, así como a incorporación dunha que ten gran presenza nos eventos en Marín como é o kick boxing.
O resto das escolas son: atletismo, tríatlon, baloncesto, fútbol, ximnasia, ciclismo BTT, remo, piragüismo, taekwondo, padel, tenis, vela, judo, ximnasia rítmica, fútbol sala, bádminton, boxeo, natación, voleibol, waterpolo, paddle surf e salvamento deportivo.
O prezo de participación seguirá sen cambios, sendo a razón de 50 euros, abonados directamente ás entidades organizadoras e cuxo xustificante de ingreso deberá ser entregado á entidade organizadora xunto co modelo de inscrición.
O impreso poderá recollerse no día da presentación ou mediante descarga da web do Concello de Marín a partir dese día.