A Xunta investirá máis de 59.000 para mellorar o campo de fútbol da Senra, en Ribadumia
Por Redacción
A Xunta de Galicia investirá no campo de fútbol A Senra, en Ribadumia, 59.500 euros para mellorar as instalacións deportivas e adquirir material.
O delegado territorial do goberno autonómico en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu este venres ata o campo de Ribadumia onde, xunto ao alcalde David Castro, e o delegado de deportes da Xunta, Daniel Benavides, lembrou a necesidade investir en promoción do deporte, "especialmente entre os máis novos".
Castro tamén quixo resaltar os esforzos que fai o equipo municipal para colaborar con todas as institucións e que Ribadumia siga sendo un referente en canto á xestión deportiva.
Xunto con Ribadumia, á subvención da Xunta únense outros concellos da comarca do Salnés e Ullán, que percibirán, entre todos, máis de 230.000 euros que serán pagados en dúas quendas, unha durante este 2023 e outra o próximo 2024.
Estas axudas responden ás necesidades particulares de cada proxecto e poderán cubrir ata o 80% do custo da iniciativa, sendo que prezo restante deberá ser asumido polo concello.
Deste xeito, o Concello de Catoira recibirá un total de 48,589 euros que están divididos en dúas partidas, unha de 38,589 euros para o acondicionamento interior do pavillón e outra de 10.000 euros que serán destinados a mercar equipamento para o club de piragüismo e, na comarca de Caldas, Pontecesures, gozará dunha partida de 50.000 euros para a reforma dos vestiarios do pavillón municipal.
Pola súa banda, Meis obterá 57,501 euros para a mellora do pavimento do Pavillón Municipal e para a adquisición de material deportivo, e os concellos de Valga e Vilanova de Arousa recibirán 10.000 euros cada un para a a compra de material deportivo.