O Pontevedra confirma a baixa de doce futbolistas do primeiro equipo
![Manu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/c92/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/613a3b2f4f-20210902-patxot-radio-programa-deportes-1889.jpg)
Por Manu Otero
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7a9/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/635ed15896-20221030-saiz-pasaron-partido-futbol-pontevedra-san-fernando-036.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/73b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/641617ef76-20230318-saiz-pasaron-pontevedra-linares-011.jpg)
© Cristina Saiz
Pablo Cacharrón, Álvaro Cortés, Viktor Nikolov, Diego Seoane, Samu Araújo, Derik, Miguel Román, Javi Robles, Brais Abelenda, Alberto Rubio, Martín Diz e Gonzalo Bueno deixan de pertencer á disciplina do Pontevedra CF SAD.
A sociedade anónima deportiva informou desta decisión a través dun conciso comunicado publicado pasadas as 20 horas da tarde deste venres sen dar explicacións sobre as razóns que levaron ao fin da relación entre a entidade granate e estes doce futbolistas. Moitos deles foron peza fundamental do equipo este ano e o anterior, outros tiveron un paso fugaz por Pasarón.
A mensaxe que lles transmite o club a través deste comunicado queda nun "agradecemos a vosa profesionalidade e compromiso durante a vosa etapa non Pontevedra CF e desexámosvos a maior das sortes nos vosos futuros proxectos".
Tampouco aclaran neste comunicado se houbo negociacións con algún dos doce para tratar de ampliar o contrato ou para rescindilo no caso daqueles que aínda tiñan contrato como Nikolov.
É sorprendente tamén a ausencia de Libasse Gueye nesta lista. O extremo senegalés tiña unha opción de ampliar o seu contrato por un ano máis se cumpría unha serie de requisitos. Con todo, nin club nin xogador confirmaron nin desmentiron a súa continuidade en Pasarón.