Baixada de prezos e recuperación de bonificacións ás peñas na nova campaña de socios do Pontevedra
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4f3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/631e4a8d06-20220910-patxot-pontevedra-talavera-reina-partido-futbol-6442.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ae6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6494784a7f-campana-socios-pontevedra.jpg)
© Pontevedra CF SAD
'Unha paixón que se contaxia' é o lema escollido polo Pontevedra Club de Fútbol para a súa nova campaña de socios, que foi presentada en sociedade este xoves.
A nova campaña caracterízase por unha baixada xeneralizada no prezo dos abonos, tanto para renovacións como para novas altas, tras o descenso a Segunda RFEF. Ademais recupéranse as bonificacións para peñas e a categoría 'diáspora granate' pensada para os afeccionados residentes fóra de Galicia.
No que respecta ás renovacións, as cotas para o público xeral foron fixadas en 205 euros na bancada de Tribuna, 135 euros en Preferencia e 90 euros nos fondos, un prezo que para os bonificados (desempregados, persoas con incapacidade permanente ou xubilados) será de 140, 90 e 70 euros respectivamente, mentres que os peñistas abonarán 90 euros en Preferencia e 70 euros nos fondos. Por último a categoría Xove ten unha cota de 60 euros en Tribuna, 55 en Preferencia e 50 nos fondos e a Infantil de 35 euros en Tribuna e 30 euros no resto de bancadas.
Pola súa banda o carné 'biberón' mantense en 10 euros, o de palco en 600 euros e o da 'bancada granate', situada en Preferencia e destinada a afeccionados nados entre 1998 e 2011, en 40 euros. A categoría 'diáspora granate' permitirá ademais conservar o número de socio por 50 euros podendo acceder a un 30% de desconto en entradas de 4 partidos da tempada.
En canto ás novas altas, os prezos xerais fixáronse en 215 euros para Tribuna, 145 euros para Preferencia e 100 euros nos fondos (bonificados 150, 100 e 80 euros respectivamente, Xove 70, 65 e 60 euros e Infantil 35 euros en Tribuna e 30 no resto de bancadas)
O abono, aclarou o Pontevedra, dará dereito a presenciar todos os partidos que calquera equipo do club dispute como local ao longo da tempada, e cada abonado que facilite un novo alta poderá beneficiarse dun desconto do 5%.
A campaña iníciase este venres 23 de xuño podéndose cursar as renovacións e novas altas de maneira presencial nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón (luns a venres de 9.00 a 18.30 horas). Proximamente habilitaranse ademais estes trámites en liña a través da páxina web da entidade.