Volta ao traballo do rugby local: Mareantes viaxa a Arteixo e Pontevedra RC recibe o Lalín
Por Redacción
O rugby pontevedrés regresa á competición tralo parón de Nadal. Logo da xornada aprazada a pasada fin de semana pola celebración do Campionato de España feminino na Coruña, Mareantes e Pontevedra Rugby Club volven aos seus compromisos ligueiros. Comeza a segunda volta na Liga galega de Primeira División e ambos equipos loitarán por estrear o ano cunha vitoria que lles axude a achegarse aos seus respectivos obxectivos.
O Mareantes, que se mantén na cuarta praza con 16 puntos (un partido menos), desprazarase ata Arteixo para enfrenterarse, o domingo 19 ás 11.00 horas, ao Zalaeta. O equipo local, que vén de xogarse o título co Mareantes a pasada tempada, non pasa na presente polo seu mellor momento. Un radical cambio de ciclo no seu plantel mantenlles últimos na presente campaña cunha única vitoria no seu haber.
Aínda así o técnico blanquinegro, Guillermo Landrove, non se fía dun rival que vén mellorando os seus resultados. Prepara exhaustivamente o encontro, primeiro dunha segunda volta na que o obxectivo é mellorar a regularidade e xogo da primeira. Para iso estase subindo a intensidade e a esixencia nos adestramentos, coa vista posta na clasificación para os playoff que dean opcións a loitar novamente polo título de liga.
Pola súa banda, o Pontevedra Rugby Club, que con 14 puntos é quinto na táboa, estreará 2014 como local. Recibirán o sábado 18 ás 16.00 horas ao Coreti Lalín, un equipo que do mesmo xeito que os pontevedreses logrou dúas vitorias en sete xornadas. Será no campo de Monte Porreiro. Os locais conxuráronse para que os puntos se queden na casa e non complicarse a liga, afianzándose na zona tranquila da táboa.