O Enmacosa (4-2) ante o Híspalis e o Setga (5-1) ante o Bascara comezan 2014 con claras vitorias
Por Redacción
Inmellorable forma de comezar o ano para os equipos do Tenis de Mesa Monte Porreiro. Os seus dous equipos absolutos, que militan na División de Honra masculina e feminina, estrearon 2014 con vitoria. O Enmacosa venceu por 4-2 ao CTM Híspalis de Sevilla, mentres que as mozas do Setga fixeron o propio ante o equipo barcelonés de Bascara, ao que derrotaron por un contundente 5-1.
En canto ao conxunto masculino, os seus tres compoñentes ofreceron o seu mellor nivel e só a mala fortuna ou decisións arbitrais desacertadas non permitiron un marcador máis amplo.
Nacho Fernández, que abría o encontro, arrasou a Javier Ramirez por un contundente 3-0, demostrando as boas sensacións que xa deixara antes do parón navideño. Non puido repetir vitoria ante o número 1 dos visitantes, o arxentino Javier Santiago Cillis, ante o que non puido rematar a faena logo dun 2-2 frenético e competido.
Pola súa banda, Dani Conic deu dous puntos ao seu equipo, vencendo a Antonio Chaves por 3-0 e Javier Ramirez polo mesmo resultado, impoñéndose en todo momento aos seus contrarios; mentres que Santi Prieto, deu un punto ao seu equipo, o máis complicado xa que foi o da vitoria. Fíxoo ante Antonio Chaves nun partido espectacular cheo de nervios e moita moita calidade.
Desta forma, o Enmacosa Monte Porreiro pecha a primeira volta na zona tranquila da táboa con cinco vitorias en once encontros.
VITORIA DO SETGA NA CATEGORIA FEMININA
Pola súa banda, o Setga Monte Porreiro venceu por 5-1 ao Bascara. Stefani Conic deu o primeiro punto do encontro ao vencer por 3-1 a Marta Alech, un resultado que non reflicte as dificultades coas que atopou a xogadora local. Seu foi tamén o punto da vitoria ao derrotar, non sen moito sufrimento a Mariona Saenz por 3-2.
Tamén gañou os seus dous encontros Ana Pérez, primeiro ante Mireia Badosa que se foi ata os cinco sets, e posteriormente fronte a Marta Alech. Entre ambos, con dous a cero a favor a cousa complicouse un pouco. Mariona Saenz superaba a Elísabet Cadilla, quen malia comezar con bo pé nada logrou facer ante o xogo ofensivo do seu rival. No último partido, xa co encontro gañado, Vitoria Cadilla superou a Mireia Badosa para establecer o 5-1 final.
Con este triunfo, o Setga Monte Porreiro suma a súa terceira vitoria en sete partidos. Son sextas na clasificación.