Vitoria pola mínima (4-3) do Enmacosa Monte Porreiro ante o Hispanidad de Huelva, o último da categoría
Por Redacción
Sufrida e importante vitoria do Enmacosa Monte Porreiro na División de Honor de tenis de mesa. Visitaba Pontevedra o colista, pero como se adoita dicir, non hai rival pequeno. Nun partido apertado ata o final, o equipo pontevedrés sufriu e loitou con todas as súas armas para vencer por un axustado 4-3 ao Hispanidad de Huelva, un equipo que non gañara ningún encontro ata o momento.
E iso que non empezaron ben as cousas para os pontevedreses. Malia que Daniel Conic gañou o primeiro punto cun rotundo 3-0, os andaluces gañaron as dúas seguintes partidas colocándose por 1-2 a favor no marcador. As cousas non saían e respirábase nerviosismo no equipo e ata na grada. Con este panorama, Santi Prieto primeiro e Daniel Conic despois lograban a remontada para pasar cun 3-2 ao seu favor.
Pero Nacho Fernández non lograba culminar o triunfo e coa súa derrota deixou todo para decidir no dobre. Unha parella que sempre se caracterizou pola súa consistencia e seguridade, todo o que non tivo o equipo pontevedrés durante este encontro. Nacho Fernández e Dani Conic forman unha das parellas máis fortes da liga, pero esta vez, esa obrigación por gañar volveu todo en contra, chegando a ir perdendo o dobre por 1-2, é dicir, ao límite.
A parella pontevedresa mantivo a calma nos momentos máis delicados e con traballo, moito traballo, logrou o empate 2-2. Coa grada entregada, a parella do Hispanidad de Huelva cedeu mesa e iniciativa, aproveitándose os do Enmacosa para facer o 3-2 definitivo e darlle dous puntos fundamentais ao seu equipo, deixando aos andaluces no pozo da División de Honor.
"Foi o noso encontro máis sufrido desde que xogamos na División de Honra", comentaba o adestrador do Enmacosa, Fernando Alvárez. "Doulle un 10 aos xogadores porque soubemos sufrir e o importante destes encontros é non perder a calma, saes coa obrigación de gañar e iso xera unha tensión extra".
Con esta vitoria, o Enmacosa Monte Porreiro sitúase na sexta praza con 8 puntos. Ten unha marxe de tres vitorias sobre os postos de descenso.
Relacionadas:
-
O Enmacosa (4-2) ante o Híspalis e o Setga (5-1) ante o Bascara comezan 2014 con claras vitorias
Por Redacción |
-
Nin un maxistral Nacho Fernández logra impedir a derrota do Monte Porreiro (4-2) ante o Oroso
Por Redacción |
-
O Enmacosa Monte Porreiro cae (2-4) ante o Club de Mar San Amaro, un rival directo pola permanencia
Por Redacción |