![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/546/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/6475cc1f25-whatsapp-image-2023-05-30-at-11.09.57.jpeg)
© Federación Galega de Taekwondo
Arlet Ortiz despídese do Mundial de taekwondo en oitavos de final tras caer coa campioa de Europa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O taekwondo pontevedrés mira cara a Bakú, capital de Acerbaixán, onde deu comezo o Campionato do Mundo Absoluto.
A primeira deportista galega en entrar en competición foi a marinense Arlet Ortiz (Mat's) cun digno papel na categoría de -57 quilos a pesar de despedirse nos oitavos de final do torneo.
Só a campioa europea, a turca Ilgun, e nun apretadísimo combate, puido apear a Arlet na terceira rolda. Antes a deportista do Mat's vencera en dous asaltos á afgá Marzieh Hamidi e á australiana Stacey Hymer.
Xa en oitavos de final era a quenda para un óso duro, a turca Hatice Kubra Ilgun, medallista olímpica de bronce en Tokyo. Despois de perder o primeiro asalto e ir por detrás no segundo (1-5) a marinense iniciou unha remontada que lle levou a forzar o terceiro e definitivo asalto, que finalizaría en empate (5-5) decidíndose a gañadora do combate por rexistros en favor da turca.
Despois de Arlet Ortiz, o vindeiro venres será a quenda no Campionato do Mundo para a pontevedresa Sara Cortegoso (Mace Sport) na categoría de -46 quilos. "Estou con boas sensacións, adestrando moi moi forte e con alta intensidade, así que sinto que estou preparada", afirma Cortegoso en declaracións á Federación Galega de Taekwondo.
Pola súa banda Iván García (Mat's de Marín), actual subcampión mundial, pechará o campionato o vindeiro domingo 4 de xuño na categoría de +87 quilos. Iván chega á cita despois dunha operación de xeonllo e sen ningún test previo. "O xeonllo está a responder moi ben, pero fáltame alcanzar a forma física ao cento por cento, e iso non será posible. Tratarei de ser o máis solvente e eficaz posible, xestionar ben os combates para sacar bos resultados, pero un obxectivo claro non teño", recoñece.
A representación galega en Bakú complétana Alma Pérez (Suh Sport) e Tania Castiñeira (Hebe).