O mal estado da Lomba e o longueiro frean o Arosa (0-0) fronte o Rápido de Bouzas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Partido trabado, con poucas ocasións de gol e condicionado polo estado, moi pesado, do terreo de xogo da Lomba. Arosa e Rápido de Bouzas disputaron un choque que comezou con susto para os vigueses en forma de lesión de Sergio, que nun encontrón cun rival houbo de ser substituído e trasladado en ambulancia a un sanatorio vigués, se ben afortunadamente, o que en principio se temía fose unha fractura ósea, parece pode quedarse só nun importante susto, ademais da molesta contusión.
Co estado tan pesado e irregular do terreo, a intensidade na disputa do balón foi a tónica dun partido que non podía ser brillante, condenado a buscar solucións, que non chegaron, nas accións de estratexia.
Os visitantes dispuxeron dunha soa aproximación de perigo, xa no segundo período, nas botas de Jacobo, mentres o equipo que adestra Piscis tivo ata tres oportunidades claras para desnivelar a balanza ao seu favor, especialmente duas a cargo de Nando, a primeira nun man a man que salva o porteiro visitante, e a segunda máis clara aínda no tempo de desconto, pero o remate de cabeza do dianteiro arlequinado, dende o bordo da área de meta, rematou estrelándose no longueiro.
AROSA SC (0): Jorge Pérez; Juanjo, Álex Freire, Martín, Alfonso; Rivas, Jonathan (Jesu, min. 69); Nando, Pablo Pillado, Eloy (Rubén, min. 84); e Quique Cubas (Ramón, min. 65).
CLUB RÁPIDO DE BOUZAS (0): Ferré; Javi, Vila, Portas, Cotilla; Diego Diz (Uru, min. 73), Sergio (Gaby Misa, min. 15), Pablo García, Chema; Miki (Jacobo, min. 53) e Tomás.
Árbitro: Llopart Carbo (Cataluña). Amoestou a Jonathan e Alfonso, polos locais e a Gabi Misa, polo Rápido de Bouzas.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 800 espectadores.