O Marín Peixe Galego cae ante o Zornotza (81-72) tras desperdiciar nove puntos de vantaxe no último cuarto
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Do mesmo xeito que a semana pasada, na que foi MVP da xornada, o escolta galego Toni Lorenzo volveu ser clave na vitoria do Zornotza. Mágoa que para iso tivese que pasar por encima dun Marín Peixe Galego que tivo na súa man lograr un resultado máis positivo na súa visita ao Polideportivo de Amorebieta. Os marinenses, tras un mal último cuarto, caeron por 81-72.
Un 7-0 de saída desarmaba por completo ao Peixe Galego. O veterano Lucho Fernández intentaba frear o ímpetu local, pero nada evitou que os vascos, cun Lorenzo absolutamente soberbio, marcharan oito arriba no primeiro cuarto, 22-14. Aos dous minutos do segundo parcial, a vantaxe creceu ata os 15 puntos, unha marxe que empezaba a ser preocupante para os galegos.
Foron inicialmente Aramburu e Suárez os que tiraron do carro para buscar a reacción, a cal non chegou do todo pese ao triplo sobre a bocina de Homs, que situaba o electrónico nun claro 43-30 ao descanso. Pero no terceiro cuarto espertaron os galegos. Conducidos por Ferreiro e Suárez asinaron un parcial de 0-15, que situou o 46-45 no marcador. Empezaba un novo partido. Incluso un triplo de Adón daba aos visitantes a súa primeira vantaxe (53-56).
Ata de nove chegouse a ir o Peixe Galego (53-62) cos dous triplos iniciais no último cuarto. Pero con 60-64 espertaron os locais e cun parcial de 10-0 deron a volta ao marcador a falta de catro minutos para o final. A partir de aí, os vascos, cuxos trece triplos foron clave nesta vitoria, souberon administrar a súa vantaxe sen excesivos sufrimentos.
Con este resultado, o Marín Peixe Galego sitúase sétimo na clasificación con seis vitorias e sete derrotas.
ZORNOTZA (81): Bandoumel (14), Arturo Cruz (14), Antonio Lorenzo (27), Salazar (6), Ibon Carreto (10) -cinco inicial- Marcos casado, Guillermo Angulo (6), Joseba Iglesias (4), Rowley.
MARÍN PEIXE GALEGO (72): Manu Ferreiro (10), Aramburu (14), Lucho Fernández (8), Albert Homs (4), Dirugeris (3) -cinco inicial- Darío Suárez (17), Luis González, Gregorio Adón (11), Al Rapier (5).
Árbitros: Uruñuela Uruñuela e Lanza Tortosa, do colexio vasco. Eliminaron por faltas personais a Arturo Cruz no equipo local.
Parciais: 22-14, 21-16, 10-26, 28-16.
Incidencias: Partido disputado no Polideportivo Larrea de Amorebieta.