Pedro Merino, fichaxe estrela dun renovado Supermercados Fróiz para a tempada que está a punto de comezar
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
A pouco máis dun mes para o inicio da tempada ciclista, o Grupo Deportivo Supermercados Fróiz pechou practicamente a composición do equipo que intentará manterse, por sétimo ano consecutivo, á cabeza do ránking en categoría elite e sub-23.
O equipo dirixido por Evaristo Portela reducirá o número de corredores dos 24 do pasado ano a tan só 19, con baixas importantes como a do gañador da última Volta a Zamora Ángel Vallejo.
Polo bando contrario o Fróiz pechou a fichaxe do escalador manchego Pedro Merino, ciclista con varios anos de profesional ás súas costas e un Campionato de España sub-23 no seu palmarés.
Merino, que o pasado ano militou nas filas do Mutua Levante, chega á escuadra de Lourido tras fracasar o proxecto continental do Polygon Sweet Nice, co que se comprometera.
Ademais do manchego o Supermercados Fróiz contará un ano máis con corredores como José Antonio de Segovia, campión de España contra o reloxo elite, Aser Estévez, Miguel Gómez ou Francisco García nun equipo que será "un 60% galego", segundo recoñeceu Evaristo Portela.
O director do conxunto alimenticio confirmou que os obxectivos da tempada, que arrancarán o 23 de febreiro en Extremadura co Circuito del Guadiana, serán as voltas por etapas, especialmente "ás tres galegas de Coruña, Lugo e Volta a Galicia".
O Froiz ten previsto realizar unha concentración con todos os seus ciclistas durante os primeiros días de febreiro.