Un gol de Álex Freire no desconto permite ao Arosa vencer (2-3) ao Alondras
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Despois de sete desprazamentos e máis de tres meses sen conseguir sumar os tres puntos a domicilio (non gañaba fóra dende o 29 de setembro en Negreira), o Arosa de Piscis volve saborear a agradable sensación de gañar como visitante ao vencer no Morrazo ao Alondras nun partido trepidante que puido gañar calquera e que se resolveu cun gol de Álex Freire no tempo de desconto.
Eses minutos de prolongación, que esta tempada custaron máis dun desgusto ao equipo arlequinado, nesta ocasión serviron para conseguir a vitoria e culminar unha remontada despois de ir por dúas veces por detrás no marcador.
A pesar das numerosas e importantes baixas que presentaban ambos os dous equipos, Alondras e Arosa brindaron aos afeccionados un partido aberto, con bo fútbol, alternativas e goles, ademais de emoción ata o asubío final.
Os de Manolo Tomé adiantábanse no marcador nun centro chut de Chichi que sorprende a Álex Vila, nos primeiros compases do partido. Quique Cubas empataba pouco despois da media hora, cun disparo cruzado.
Cando a falta de algo menos de 20 minutos o colexiado descretaba a expulsión de Chichi, por estimar agresión a un contrario, as cousas parecían poñerse ben para o Arosa. Non obstante sería o Alondras quen conseguira marcar case de inmediato, por medio de Denis, ao culminar unha boa combinación con Javi.
Reaccionou rápido o Arosa, de novo da man do seu mellor xogador neste partido, Quique Cubas, que conseguía empatar novamente dous minutos máis tarde, para dar paso a uns últimos minutos nos que os dous equipos se lanzaron a un intercambio de golpes no que calquera puido gañar.
Sería o Arosa quen encontrara a recompensa, dous minutos despois dos 90 regulamentarios, grazas a un contragolpe culminado por Álex Freire.
ALONDRAS CF (2): Martín; Casti, Nano, Chichi, Javi, Casas, Denís (Toni, min. 80), Leiro, Andrés (Outeiral, min. 74), Iago e Mota (Serxio, min. 46).
AROSA SC (3): Álex Vila; Juanjo (Ramón, min. 80), Álex Freire, Martín, Alfonso, Jesús, Nando, Pablo Pillado, Quique Cubas (Rubén, min. 85), Jonathan (Rivas, min. 46) e Eloy.
Árbitro: Francisco Xavier Rodríguez Campos (A Coruña), auxiliado nas bandas por Méndez Castro e Domínguez Manteiga. Expulsou con vermello directo o xogador local Chichi (minuto 72). Amoestou a Leiro, Andrés e Serxio, polo Alondras, e a Juanjo, Pillado, Quique Cubas, Rivas e Rubén, polo Arosa
Goles: (1-0) Minuto 12: Chichi. (1-1) Minuto 33: Quique Cubas. (2-1) Minuto 72: Javi. (2-2) Minuto 74: Quique Cubas. (2-3) Minuto 92: Álex Freire.
Incidencias: Campo do Morrazo (Cangas). Uns 450 espectadores.