Remonta por dúas veces o Pontevedra B para vencer (3-2) un Melias que acaba con tres expulsados
Por Redacción
A visita do último Melias parecía unha ocasión propicia para que o Pontevedra B obtivese unha vitoria relativamente cómoda que lle afastase da zona comprometida, e esa vitoria chegou, pero con máis apuros do esperado nos últimos compases do partido, despois de remontar en dúas ocasións un marcador adverso e cando o rival xogaba con só oito xogadores ao ter sufrido tres expulsións, consecuencia da súa aposta polo fútbol brusco, ao límite do regulamento, cando non superándoo ámpliamente.
O conxunto ourensano, crecido tras vencer a pasada xornada contra prognóstico ao Portonovo, veu disposto a continuar unha escalada que se antolla complicada, e a punto estivo de protagonizar unha nova sorpresa, nesta ocasión a custa dun Pontevedra B ao que freou a base de dureza, levando a iniciativa no marcador dende o primeiro minuto, cando inauguraba a conta nunha rápida contra tras roubo de balón culminada por Dani.
Empataban os granates moi pronto, nun bo remate de cabeza de Ismael á saída dun corner, pero antes da media hora de novo adiantábase o Melias, nun rexeitamento defectuoso de Adrián, que se quedou curto permitindo o remate de Antón.
Os rapaces de Blas Charlín fixéronse donos do partido e do balón, ante un Melias encerrado e agresivo nas súas accións defensivas. Os ourensanos quedaban en inferioridade pasada a hora de xogo, ao ver o vermello directo Dani, pero nin así cesaron nas súas brusquidades, mentres os locais, con paciencia, poñían cerco á área rival. Paco facía saltar o muro cun golazo en disparo dende fóra da área, logrando o empate.
Pucho vía a segunda amarela a falta de sete minutos e co tempo case cumprido o Melias quedaba xustamente con só oito xogadores sobre o terreo ao sufrir a súa terceira expulsión, vermello directo para Andrés. Sería apenas segundos antes de que Cuesta completase a remontada tras unha excelente xogada por banda, cun remate dende o interior da área.
PONTEVEDRA B (3): Adrián; Uru (Puyi, min. 46), Alves, Marou (Diego, min. 46), Kevin Presa, Emilio (Adrián Martínez, min. 72), Ismael, Héctor, Collazo, Víctor (Cuesta, min. 61) e Paco.
SD MELIAS (2): Aarón; Jandro, Gele, Dani, Oliveira, Pucho, Antonio (Cachito, min. 72), Sergio Gil, Antón (Andrés, min. 65), Manu (Pena, min. 72) e Pichi.
Árbitro: Ferrol Muñiz (Santiago), auxiliado nas bandas por Buján Vidal e Figueira Lago. Expulsou con vermello directo a Dani (minuto 62) e Andrés (minuto 90) e por dobre amoestación a Pucho (minuto 83), todos eles do Melias. Amoestou a Cuesta, polo Pontevedra B, e a Aarón, Sergio Gil, Pichi e Cachito, polo Melias.
Goles: (0-1) Minuto 1: Dani. (1-1) Minuto 13: Ismael. (1-2) Minuto 27: Antón. (2-2) Minuto 79: Paco. (3-2) Minuto 90: Cuesta.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Uns 120 espectadores.