O TM Monte Porreiro arranca un punto na complicada cancha do Universidad de Burgos
Por Redacción
Continúa a boa serie do TM Monte Porreiro. E iso que esta semana visitaba un dos campos máis complicados da Superdivisión masculina, o do Universidad de Burgos. Ante eles, os pontevedreses arrancaron un valioso empate (3-3).
O encontro comezou ben para o Monte Porreiro, grazas á dobre vitoria de Martín Betancor sobre Daniel Berzosa e de Miguel Vílchez sobre Jorge Ausin. Ambos cederon un único set.
Co 0-2 no marcador, os de Burgos reaccionaron e lograron derrotar aos pontevedreses nos tres seguintes partidos. Así, Damien Roland gañou a Nicolás Galvano e Daniel Berzosa a Miguel Vílchez. Tiveron que empregarse a fondo, xa que se resolveron por un axustado 3-2.
O terceiro punto para os locais chegou co triunfo de Damien Roland sobre Martín Betancor.
Pero cando parecía que os puntos ían quedar na casa apareceu un maxistral Nicolás Galvano que, tras empregarse a fondo co seu rival, Jorge Ausín, deu o empate ao Monte Porreiro.
Con este resultado, o TM Monte Porreiro mantén a cuarta praza da clasificación e teñen o pase para xogar competicións europeas cada vez máis preto.
Antes do partido contra o Universidade de Burgos, o equipo local organizou unha homenaxe aos medallistas do recente campionato de España, onde unha das súas parellas gañou o dobre mixto. Houbo honras tamén para Miguel Vílchez, campión de dobres masculinos.