O pontevedrés David Ferrer, novo director técnico da Federación Galega de Atletismo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
David Ferrer, pontevedrés de nacemento e na actualidade unha das cabezas máis visibles e coñecidas do atletismo galego, acaba de ser nomeado novo director técnico da Federación Galega de Atletismo.
O presidente da Federación, Iván Sanmartín, fixo oficial e público o nomeamento de David Ferrer este mércores. A continuación, o xa novo responsable recoñeceu que afronta esta nova etapa "con moita ilusión e gañas de contribuír a mellorar o atletismo galego".
En declaracións feitas públicas pola Federación, o pontevedrés avanzou que se marca como un dos seus obxectivos "buscar e potenciar un diálogo e entendemento con todos os estamentos do noso deporte".
Iván Sanmartín destaca que, con Ferrer, "non só imos cubrir unha área fundamental da Federación, que desde facía bastante tempo se viña ocupando de forma interina, se non que coa incorporación de David, potenciaremos e dotaremos de máis e maiores recursos a unha Dirección Técnica que pretendo sexa un elemento vertebrador e impulsor do atletismo galego".
Nado en Pontevedra no ano 1990, Ferrer comezou a practicar atletismo con tan só 5 anos, influenciado por unha contorna familiar moi vencellada directamente a este deporte.
Especialista no concurso de lonxitude, no que ten como mmp 7,29 m., ao longo dos seus anos de actividade logrou un bo número de podios autonómicos en diversas categorías, sendo na actualidade unha das pezas fundamentais da Gimnástica de Pontevedra nos seus distintos compromisos na División de Honra.
Ademáis, posúe os títulos de nivel III de xuíz e de adestrador nacional.
Durante os últimos sete anos, estivo compaxinando a súa tarefa de atleta ca dos seus estudos de fisioterapia e a de delegado federativo en Pontevedra, o que o levaría a acumular unha importante experiencia e coñecementos tanto na parcela técnica como na de xestión.