O Cisne inicia os actos do seu 50 aniversario enfrontándose á selección de Galicia
Por Redacción
O Club Cisne Balonmán celebra no 2014 o cincuenta aniversario da súa creación (1964) e organizará durante todo o ano un extenso programa de actos, que comezará coa celebración do "Memorial Manuel Luaces", que xa vai pola vixésima edición. Ademais, nesta oportunidade terán enfronte á selección galega absoluta.
O presidente do Cisne, Santi Picallo, explicou que o partido, que se xogará o sábado día 4 de xaneiro no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, con entrada gratuíta, será unha festa do balonmán: "Comezaremos ás catro da tarde cun partido infantil entre o Cisne e a SAR de Redondela, e despois tamén participarán os equipos alevín e benxamín. Queremos que sexa unha festa de todas as categorías do club", manifestou. Así, o prato forte será ás 20:00 horas coa disputa do partido Galicia-Cisne, "Pillo fixo un equipo espectacular, pero plantaremos cara con moita dignidade".
SELECCIÿN GALEGA
Víctor García Borrás "Pillo", adestrador do Frigoríficos do Morrazo, será o seleccionador galego neste novo encontro do combinado galego, no que figuran oito xogadores de Asobal.
O Frigoríficos do Morrazo é o conxunto que máis deportistas aporta (David García, Serafín Pousada, Suso Soliño, Adrián Rosales e Dani Cerqueira), con Javi Díaz (Villa de Aranda), Rodrigo Corrales (Huesca) e Diego Piñeiro (Ademar León), completando o grupo de xogadores que militan na máxima categoría do balonmán español.
Xunto a eles, vestirán a camiseta da selección galega: Carlos García y Víctor Rodríguez (SD Teucro), Toño Fernández (BM Artabro), Alberto Casares y Dani Hernández (Octavio) e Ramón Martínez (Atlético Novás).
O equipo galego está convocado para adestrar o venres día 3 de xaneiro (20:00 horas) no mesmo escenario de partido.
No 2013, Galicia xogou fronte a Australia (6 de xaneiro) ante quen logrou unha vitoria apisoante (33-16) en Chapela. Ademais, no mes de xuño, a selección galega xogou dous partidos contra Israel e sumou dous triunfos. O primeiro en Meaño foi moi apertado (27-26) e o segundo en Pontevedra tamén foi axustado, aínda que Galicia non veu a vitoria en perigo (30-28). Galicia non coñece a derrota dende que no ano 2006 comezou a xogar con asiduidade.