Támara Echegoyen encabeza a listaxe de deportistas que recibirán axudas da Fundación Deporte Galego
Por Redacción
179 deportistas son os beneficiarios das axudas a deportistas galegos de alto nivel 2013, concedidas pola Fundación Deporte Galego, para a súa preparación e a súa participación en competicións deportivas. Na presente convocatoria o importe definitivo das axudas ascendeu a 300.000 euros, a través das dúas liñas de actuación establecidas: axudas para deportistas olímpicos e paralímpicos, e axudas DGAN.
Estas axudas teñen como principal obxectivo apoiar os deportistas galegos máis destacados no eido nacional e internacional, e incentivar a súa dedicación á práctica de alto nivel. Na relación de beneficiarios, que se pode consultar neste enlace, figuran máis dunha vintena de deportistas pontevedreses, entre eles os grandes nomes do deporte da nosa cidade e comarcas da súa área de influencia.
No ámbito das axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos galegos, tivéronse en conta as clasificacións nos pasados Xogos de Londres 2012. Deste xeito, Támara Echegoyen, que obtivo a medalla de ouro, recibe 9.000 euros, á contía máxima destas axudas. 7.000 euros reciben, entre outros, Javi Gómez Noya, David Cal ou Juan Antonio Saavedra, gañadores da medalla de prata; mentres que os que acadaron a de bronce levan 5.000 euros.
Engadiuse, tamén, unha axuda especial para premiar a participación dos deportistas, como Teresa Portela ou Beatriz Gómez Cortés, nestes Xogos, cun importe máximo de 3.000 euros. En total, 17 deportistas recibiron axudas por unha contía total de 85.000 euros. Cómpre subliñar que Galicia concede as mesmas axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos, criterio que ten por obxectivo fomentar a integración deportiva en igualdade de condicións.
Por outra banda, ás liñas de axuda DGAN puideron optar os recoñecidos como Deportistas Galegos de Alto Nivel no ano 2013. Avaliáronse os resultados obtidos nos campionatos nacionais e internacionais do 2012, e as axudas por deportista acadaron ata os 4.000 euros. O importe total desta liña de actuación ascendeu a 215.000 euros, repartidos entre 162 deportistas.
Entre os beneficiarios atópanse deportistas como os piragüistas ÿscar Graña, Tono Campos, Diego Romero ou Sergio Vallejo; os taekwondistas Katia Calvar, Lúa Piñeiro ou Xián Silva; os regatistas Fernando Echávarri, Antón Paz ou Carlos Paz; ou os atletas Víctor Gallego e Jean Marie Okutu.
Cos criterios desta convocatoria, a Xunta de Galicia destaca que incentiva que os deportistas de máximo nivel poidan percibir unha contía que lles axude de xeito máis efectivo nas súas metas deportivas.