'Stage' do Nadal para o Waterpolo Galaico coa visita do CN Madrid Moscardó
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico compartirá adestramentos entre o 26 e 29 de decembro cos equipos infantil e cadete masculino e feminino do Club Natación Madrid Moscardó.
O obxectivo deste 'stage' de Nadal é "seguir crecendo deportivamente e aprender de clubs de fóra de Galicia", segundo sinalan dende o club lerezano.
A entidade madrileña conta cunha gran tradición no mundo do waterpolo a nivel nacional, cun equipo feminino que a pasada tempada finalizou en terceiro lugar da División de Honra e un conxunto masculino que milita na Primeira División.
En canto ás categorías inferiores, que son as que adestrarán cos xogadores pontevedreses no Complexo Deportivo Rías do Sur, o Madrid Moscardó proclamouse o pasado curso campión de España de categoría infantil mixta.
As xornadas técnicas comezarán o xoves 26 e venres con dobre sesión de adestramento, mentres o sábado e o domingo se disputarán varios partidos coa presenza tamén do equipo feminino do Club Waterpolo Castellae de Burgos.