O balonmán será protagonista este sábado en Pontevedra co torneo Base Azul
A Sociedade Deportiva Teucro organiza este sábado 16 de febreiro a sexta edición do torneo Base Azul de balonmán que terá lugar no Pavillón Multiusos da Xunqueira. Contará coa participación dos equipos da base do Balonmán Moaña, do Club Cisne Balonmán, do Sanxenxo Balonmán e do propio clube anfitrión.
Os partidos comezarán ás 10:30 horas e enfrontarán a equipos das categorías cadete e infantil tanto masculino como feminino. O torneo concluirá ao redor das 14:00 horas coa entrega de premios.
Fran Barco, responsable da base da S.D.Teucro, confirmou este xoves na presentación do torneo que "entre 140 e 150 deportistas" formarán parte do evento deportivo.
Tino Fernández, concelleiro de Deportes, que tamén estivo presente neste acto, asegurou que "xa son varias edicións e isto indica que as cousas van ben". Ademais, subliñou que "en Pontevedra somos conscientes da importancia que teñen a base e os clubes á hora de falar de deporte" co que quixo felicitar ao club anfitrión polo traballo realizado.
O edil, para finalizar a súa intervención, informou que este xoves ía ter lugar a revisión de valoración da subvención anual a clubes deportivos e adiantou que "a mediados do mes que vén" deberíanse estar a realizar os pagos.