A Marea Granate destino a Ferrol
Por Manu Otero
A vitoria do pasado sábado fronte á Cultural Leonesa devolveu a confianza na permanencia á afección granate. O vindeiro domingo, o Pontevedra visita A Malata co obxectivo de sumar tres novos puntos que achegue aos de Toni Otero á salvación. Para superar ao Racing de Ferrol, o equipo contará co apoio da súa afección, que se desprazará en autobús nunha viaxe organizada polo club.
Os interesados en viaxar a Ferrol poden reservar o seu asento no autobús nas oficinas de Pasarón ata o xoves ás 18.30 horas. O prezo por persoa é de 12 euros, ademais dos 15 euros que custa a entrada, que debe adquirirse a través da web oficial do Racing. O autobús só partirá se se realiza un mínimo de 45 reservas. Para os menores de 12 anos, o prezo da entrada ao campo é de 1 euro.
A saída está prevista para as 14.30 horas desde o Pavillón Municipal e desde o club lembran que para reservar unha praza no autocar o pago debe realizarse en efectivo nas oficinas de Pasarón.
O inicio do partido está fixado para as 17 horas do domingo 19 de febreiro e, aínda que o Pontevedra organiza a súa propia viaxe, é sabido que moitos afeccionados e colectivos de seareiros organizan tamén os seus propios desprazamentos de carácter privado.
O que é seguro é que os xogadores do Pontevedra non estarán sós na Malata. Son moitos os afeccionados que lembran o partido da primeira volta na que a inchada verde foi case máis numerosa que o público local e agora a marea granate espera devolverlles a moeda.
Relacionadas:
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra amplía ata este venres o prazo para reservar praza no bus a Ferrol
Por Manu Otero |
-
O Racing de Ferrol confía en manter o seu acerto anotador na visita do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Toni Otero, tras a vitoria ante a Cultural Leonesa: "Era un paso que tiñamos que dar"
Por Almu Dapena |
-
Unha enquisa cidadá para elixir que lenda granate terá unha estatua no parque de Pasarón
Por Redacción |
-
Preferencia contará cun sector de animación para xente nova desde este sábado
Por Manu Otero |