A falta de acerto no remate condena ao Arosa que perde (2-1) en Betanzos
Por Redacción
Ás baixas por lesión de Adrián Camiño, Rivas, José Anxo e Vixo, o Arosa sumaba outras tres por sanción de Jesu, Martín e Jorge Pérez. Demasiadas baixas que unidas á falta de acerto ante a porta contraria, defecto que vén sendo habitual nos últimos partidos lonxe da Lomba, pasaron factura e provocaron a derrota do equipo que adestra Piscis.
En fronte estaba un Betanzos que non coñecía a vitoria desde fai exactamente tres meses e que despedía ao seu técnico, José Manuel Pose, quen abandona o banquiño, ao parecer de mutuo acordo coa directiva betanceira, para deixar paso ao ex-técnico do Montañeros, Álex Suárez, co obxectivo de intentar salvar a categoría.
E a despedida de Pose non puido ser máis afortunada, porque o Arosa mandou e chegou con frecuencia ao área rival, pero pagou caro os seus erros no remate, especialmente nun remate na primeira parte que estrelaría no longueio, e unha ocasión de Quique Cubas, no segundo, que mandaría alto.
Aínda por riba, nada máis iniciarse a segunda parte, un autogol de Munín poñía o marcador en vantaxe para o conxunto local e as cousas máis difíciles para os visitantes, que seguían chegando e mandando, pero fallando unha tras outra as súas múltiples ocasións de gol.
Con todo, a falta de 15 minutos para o final, Nando concretou por fin una desas ocasións, establecendo o empate, para dar paso a uns minutos moi abertos que aproveitou o Betanzos nunha contra para provocar o penalti, por derriba de Munín, que tivo unha tarde moi desafortunada, a Alberto, e que transformaría Sergito dando o triunfo ao equipo local.
Os minutos que quedaban, incluído o longo desconto decretado polo colexiado só serviron para que o Arosa seguise facendo gala da súa mala puntería, deixando escapar a oportunidade de pechar de forma victoriosa unha espléndida primeira volta no seu regreso á terceira división.
BETANZOS CF (2): Manu; Tomy, Pablo Vigo, Cardelle, Agulló, Manu Fraga, Coedo (Gigirey, min. 78), Sergito (Cristóbal, min. 97), Alberto, Marcos e Manu Pìquer (Carba, min. 78).
AROSA SC (1): Vila; Santi (Ramón, min. 60), Álex Freire, Juanjo, Alfonso, Munín, Nando, Pablo Pillado, Quique Cubas, Jonathan (Cheri, min. 78) e Eloy (Rubén, min. 67).
Árbitro: Pérez Prado (Lugo). Amoestou a Manu, Agulló, Gigirey, Sergito, Marcos e Manu Píquer, polo Betanzos, e a Álex Freire, Munín, Quique Cubas e Jonathan, polo cadro arosista.
Goles: (1-0) Minuto 46: Munín, en propia porta. (1-1) Minuto 75: Nando. (2-1) Minuto 84: Sergito, de penalti.
Incidencias: Campo García Hermanos (Betanzos). Uns 150 afeccionados.