A Escola Municipal de Deportes Náuticos comeza a ver a luz
Este luns 6 de febreiro comezaron oficialmente as obras para acondicionar a antiga nave de Alfogar, situada fronte á rampla de Covadelo, en Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de adecuala ás necesidades da que será a Escola Municipal de Deportes Náuticos.
O Concello inviste 70.000 euros nos traballos asignados á empresa Revcom e terán un prazo de cinco meses para realizalos.
A construción conta coa vantaxe de dispoñer na súa fachada oeste dun acceso directo á rampla do Covadelo, que permitirá botar ao mar e recoller de forma rápida as embarcacións deportivas.
A superficie, que conta con más de mil metros cadrados, do interior da nave destinarase ao resgardo e coidado das embarcacións; xunto co outro espazo, duns 300 metros cadrados, no que se habilitará a zona de ximnasio, vestiarios e aseos. Na planta superior, que conta con 300 metros cadrados dispoñibles, habilitaranse 8 despachos e aseos.
O Concello de Vilagarcía dispón desa nave de Alfogar mediante o sistema de concesión administrativa aprobado coa Autoridade Portuaria, propietaria das instalacións e dos terreos nos que se empraza, xusto na desembocadura do río Con.
O convenio asinado entre dúas administracións permite ao Concello facer uso da nave durante o prazo de 10 anos para destinar ao centro de ensino de deportes náuticos e a albergar a sede do Club Piragüismo Vilagarcía. A cambio desta cesión de uso da edificación, a administración local entregará ao Porto un canon anual de 1.700 euros, ao terse bonificado a taxa de ocupación un 50%.