O Farto segue sumando quilómetros nun prometedor inicio de tempada
Por Redacción
O Farto-BTC atópase en plena tempada. O equipo pontevedrés disputa xa as tres primeiras clásicas do calendario europeo.
O pasado domingo 5 de febreiro o conxunto lerezano disputou por quinto ano consecutivo a Volta á Comunitat Valenciana feminina, unha proba de categoría 1 internacional do calendario da UCI.
A proba, tradicionalmente pensada cun percorrido para sprinters, endureceuse este ano ao engadirse a dura subida de La Frontera, un porto de 6 quilómetros con ramplas de ata o 18%, xusto despois de subirse o primeiro porto do día, Oronet.
Ambas as subidas partiron o pelotón en mil pedazos. A escaladora mexicana do Farto-BTC Ariadna Gutiérrez foi capaz de afrontar na parte dianteira da carreira a subida a La Frontera, coroando cun segundo grupo que no descenso cara á meta de Valencia puido conectar coa cabeza de carreira.
Tras un parón no grupo dianteiro e cunha escapada de cinco ciclistas por diante, os grupos traseiros fóronse incorporando ao grupo de Gutiérrez ata formar un pelotón numeroso que chegou a Valencia agrupado. A vitoria decidiuse na escapada e Gutiérrez entrou sen problemas no grupo principal.
"Sentín ben fisicamente en ambas as subidas, a pesar da dureza das pendentes. Está a ser un bo inicio de tempada, collendo ritmo para obter o pico de forma nos meses de abril e maio", explicou a protagonista do cadro pontevedrés, Ariadna Gutiérrez.
"Estas tres primeiras clásicas da tempada estamos a incluílas como parte do programa de adestramento, e non tanto como un obxectivo competitivo. Engadimos máis carga e fatiga ao programa en lugar de acudir frescos ás carreiras, o que obviamente non nos permite disputar ao 100 % as carreiras pero de fronte ao futuro vai dar unha base moi sólida", explica o director técnico do equipo, Brais Dacal, a estratexia para este inicio de tempada.
O próximo reto do equipo será a primeira edición da historia da Clásica de Almería prevista para o vindeiro sábado, no que Ariadna Gutiérrez seguirá liderando un bloque composto por Veronika Jandová, Mandana Dehghan, Agata Flis, Lina Svarinska, Alicia Crespo e Pilar Jiménez.
Relacionadas:
-
Ariadna Gutiérrez logra un meritorio 15º posto para o Farto-BTC na Volta a Estremadura
Por Redacción |
-
O Farto pon a proba o seu potencial para o calendario internacional na primeira proba da Copa de España
Por Redacción |
-
O Farto completa a primeira proba dunha tempada na que aspiran a ser protagonistas
Por Redacción |