Os problemas crecen para o Pontevedra cunha derrota en Balaídos (1-0)
Por Almu Dapena
Os problemas seguen crecendo para o Pontevedra Club de Fútbol, que perdeu este domingo pola mínima en Balaídos no derbi pontevedrés contra o Celta B.
O conxunto granate traballou moi ben en defensa durante a primeira metade e neutralizou aos celestes, pero a entrada de Durán e Barcia no descanso foron o punto de inflexión dun partido que se decantou no minuto 53 cun gol de Javi Rodríguez.
Saltou o Pontevedra ao verde de Balaídos coas ideas claras: defender ao home e limitar as individualidades do Celta B, obrigado a xogar cara atrás e moi incómodo á hora de xerar perigo na área de Cacharrón.
Tivo a primeira chegada o filial celeste cun disparo de Miguel que se foi moi preto do pau e o mesmo fixo Álex González para os granates, pero o seu chute foise por encima da portería.
O Pontevedra seguía ao seu, realizando un traballo defensivo moi intenso incomodando ao Celta, que gozaba dunha chegada illada cunha penetración de Víctor a liña de fondo que despexou Churre.
Foi de máis a menos o primeiro tempo e co paso dos minutos chegaron as imprecisións por parte de ambos os equipos, que optaron por un xogo máis lento e estático sen traballo para as defensas.
Moveu ficha no descanso o técnico local Claudio Giráldez, dando entrada a Pablo Durán e Barcia en lugar de Carlos e Lautaro, buscando máis espazos para que Hugo e Miguel puidesen chegar polas bandas e poñer así en problemas ao Pontevedra.
De feito, nada máis comezar a segunda parte, o Celta B saíu como un revulsivo e atopou moi pronto o gol cun balón entre os defensas cara a Miguel, o seu tiro rexeitouno Cacharrón, o balón quedou morto no segundo pau, recolleuno Durán e cedeu a Javi Rodríguez, que enganou ao gardameta granate e anotou o 1-0.
Tocaba remar ao contraxeito e Toni Otero deu entrada a Charles e Martín Diz en busca dunha reacción que seguía sen chegar.
Os minutos pasaban e o Pontevedra era incapaz de pisar a área do Celta, ata que entraron Javi Robles e Víctor Casáis e romperon o partido. Os granates xa xeraban algunha chegada pola banda de Álex González pero o tempo corría na súa contra e o gol non chegaba.
Tivo a máis clara Charles no minuto 87, rematando de cabeza un centro do capitán, pero o seu remate foise fóra. Tamén Román de falta desde o bordo da área tentouno, pero o seu chute deu na barreira.
Alcanzouse así o tempo desconto, o Celta afastaba o balón da súa área e o Pontevedra pelexaba para rascar polo menos un empate. Non chegou o tanto e os celestes festexaron facerse cos tres puntos nun derbi pontevedrés que fai que os problemas dos de Toni Otero sigan crecendo.
CELTA B (1): Coke, Javi Rodríguez (Carrique, min. 73), Javi Domínguez, Carlos (Barcia, min. 45), Medrano, San Bartolomé (Calderón, min. 70), Damián, Hugo Álvarez, Miguel Rodríguez (Raúl Blanco, min. 66), Iker Losada e Lautaro (Durán, min. 45).
PONTEVEDRA CF (0): Pablo Cacharrón, Samu Araújo (Martín Diz, min. 54), Churre (Víctor Casáis, min. 73), Miguel Román, David Soto, Álex González, Alberto Rubio (Valen, min. 62), Masogo (Charles, min. 54), Derik, Bakero (Javi Robles, min. 73) e Seoane.
Goles: 1-0, Javi Rodríguez, min. 53.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 do grupo I de Primeira Federación disputado Balaídos.
Relacionadas:
-
Martín Diz: "A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme. O Pontevedra ten que estar máis arriba"
Por Manu Otero |
-
Un enorme Pontevedra gaña á Cultural Leonesa e permítese soñar coa salvación (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Toni Otero segue perdendo efectivos para un partido "importante pero non definitivo"
Por Manu Otero |
-
Toni Otero: "Entendo que a xente quere vitorias pero o equipo está a crecer"
Por Redacción |
-
Oier Calvillo amplía o seu contrato co Pontevedra unha tempada máis antes de saír cedido ao Calahorra
Por Manu Otero |
-
Javi Robles asume o "reto" de vestirse de granate para alcanzar a meta da permanencia
Por Manu Otero |
-
Lupe Murillo: "Chegamos con 1.400 socios. Hoxe hai 2.394"
Por Manu Otero |
-
Un extremo menos, un mediocentro máis, Gueye segue (desaparecido) e unha ficha sénior liberada e sen ocupar
Por Manu Otero |
-
Charles, o goleador máis veterano da Primeira Federación
Por Manu Otero |
-
Un gol de Charles no minuto 90 salva o Pontevedra contra o Castilla (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |