Peixe Galego e Xuven rematan o 2013 a domicilio
Por Redacción
Xuventude Cambados e Peixe Galego despiden o seu ano máis especial, o do salto á Liga Adecco Prata, e fano fóra de casa.
O conxunto marinense visita a cancha do Grupo Eulen El Bulevar de Ávila (sábado 19:00 horas) nun partido que pode deixar nunha gran situación aos de Javi Llorente.
Os dous equipos chegan á xornada final do ano no medio da táboa empatados con cinco vitorias e cinco derrotas, polo que un triunfo permitiría ao Peixe Galego adiantar a un rival directo e mirar máis cara aos postos altos que aos de descenso, posto que abriría brecha coa zona perigosa achegando o verdadeiro obxectivo, a permanencia.
Pola súa banda o Xuven, unha vez superada a súa xeira negativa de resultados gañando ao Araberri no Pombal, enfrontarase a outro conxunto vasco coa intención de ascender postos cara á zona cómoda da táboa.
Os amarelos visitan a cancha do Azpeitia (domingo 18:00 horas), un equipo vinculado ao Guipuzkoa Basket de ACB e que ao igual que os de Cambados conta cun balance de catro vitorias e seis derrotas.
Non o terán sinxelo os de Yago Casal, posto que o Azpeitia gañou os seus tres últimos encontros como local.
Tras esta xornada a Adecco Prata para ata a primeira fin de semana de 2014, no que o Peixe Galego recibirá na Raña ao CEBA Guadalajara e o Xuven ao Amics Castelló no Pombal.