Ponte Caldelas súmase á 'moda' do BTT: será unha das sedes da Rías Baixas Bike Race 2014
Por Redacción
Ponte Caldelas será, xunto con Redondela e Soutomaior, unha das sedes da Rías Baixas Bike Race 2014, unha proba por etapas de BTT considerada como unha das máis importantes das que se disputan en España. Será os días 18, 19 e 20 de abril do próximo ano. Contará con preto de 400 corredores procedentes, fundamentalmente de España e Portugal, aínda que tamén está confirmada a presenza de varios corredores franceses e alemáns.
As inscripcións para a proba atópanse abertas xa desde o pasado 1 de decembro. Os vencedores da edición deste ano da Rías Baixas Bike Race, celebrada en Nigrán, Tomiño e Gondomar, o estremeño Pedro Romeu e a galega Susana Alonso, confirmaron a súa asistencia no 2014 e serán polo tanto os dorsais número 1 nas súas respectivas categorías.
Do mesmo xeito que este ano a proba estará dividida en tres etapas tipo maratón e as clasificacións serán por tempos. Repartirase entre os participantes un total de 2.500 euros en premios en metálico.
Durante os tres días que dura o evento realizaranse diversas actividades paralelas entre as que destacan as que se realizarán no 'village' das distintas etapas como son o Bike Park Infantil para nenos de entre 5 e 12 anos ou as zonas de exposición para firmas do sector e colaboradores.