Nin un maxistral Nacho Fernández logra impedir a derrota do Monte Porreiro (4-2) ante o Oroso
Por Redacción
Oportunidade de ouro perdida polo Tenis de Mesa Monte Porreiro ante un dos equipos máis fortes da categoría, o Oroso. A piques estivo de dar a sorpresa en Sigüeiro. Pero nin sequera a magistral actuación de Nacho Fernández, que xogou un dos seus mellores partidos en División de Honor, puido impedir a derrota. Os pontevedreses caeron por 4-2 e volvéronse a casa de baleiro.
Nacho Fernández foi o xogador máis destacable do encontro ao lograr vencer nos seus dous partidos, ante o coruñés Javier Obellerio por 3-1, cun xogo sensacional nos dous primeiros sets, e ante o nixeriano Lawal Abiodum por 3-2, logrando remontar un 0-2 en contra ante un xogador que só cedera en dous encontros ata a data.
Nun principio, Nacho non lograba atopar o resto efectivo para frear a iniciativa do nixeriano. Pero cunha mentalidade de ferro e un repertorio técnico realmente perfecto, foi a partir da metade do segundo set cando comezou a xogar cunha dereita espectacular, un servizo demoledor e un resto cos que Lawal sentíase moi incómodo, ata acabar vencendo por un apertado 3-2 e 15-13 no último set.
Fallou o, habitualmente fiable Daniel Conic, que cedeu os seus dous puntos. Non foi o seu día, sen dúbida. Tampouco logrou ningún Santi Prieto, pero a súa actuación foi notable. Pouco lle faltou para darlle un valioso punto ao seu equipo cando tiña ao coruñés Jacobo Enseñat 2-0 e 7-5 a favor. Só a experiencia dun dos mellores xogadores galegos da historia puido cambiar o rumbo do encontro para acabar remontando un partido que tiña perdido.
Con este resultado, o Tenis de Mesa Monte Porreiro é sétimo na clasificación. Obtivo catro vitorias nos seus dez partidos disputados.