O Team Thunder celebra unha festa para presentar o equipo de competición para un "prometedor" 2023
Por Oskar Viéitez
Que mellor maneira que despedir o ano que… preparando o 2023. O Team Thunder de Marín celebrou este venres 30 o fin do 2022 cunha gran festa. Máis dun centenar de persoas, entre deportistas e familiares xuntáronse no multiusos da Praza de Abastos de Marín para homenaxear a gran tempada do equipo de boxeo e presentar o equipamento e o equipo de competición 2023.
A mellor tempada da súa historia fixo que o club quixese celebrar ao grande todos os seus triunfos. Medallas nacionais con dúas campioas nova e dous bronces elite, varios campionatos autonómicos e sobre todo máis deportistas que nunca. Unha tempada de ilusión con máis de 70 combates disputados e 50 vitorias neles. Moitas alegrías nos niveis altos pero sobre todo unha saúde na base que fai soñar en grande.
Tal e como anunciaba o presidente Aarón González, "o 2023 avecíñase moi esperanzador para a base e veñen varias citas para a base moi interesantes".
Ademais da base, o equipo de competición tamén terá moitas citas importantes para este ano deportivo. Por iso, o club apostou por un novo modelo de equipamento moi exclusivo e persoal. Aproveitando esta homenaxe, os competidores puideron vestir os novos equipamentos e presentalas de maneira pública ante a súa xente. Para apoiar o acto estaba unha vez máis o Concello de Marín representado polo concelleiro de deportes Antonio Caiña.
O apoio ao deporte marinense é moi importante e grazas a iso e ao traballo do equipo técnico do Team Thunder, Marín puido bater récords e converterse no municipio español con máis licenzas deportivas de boxeo. Todo un logro para un equipo humilde como o Team Thunder que este ano saca músculo e se enorgullece de moitos logros para ser un equipo tan novo. Entre eles: 2 campioas de España nova, 2 medallas de bronce elite en campionato de España, 2 campións galegos elite, 1 subcampión galego elite, 2 campións galegos promesa, 3 campións galegos novo, 1 campioa e un bronce en campionatos galegos de formas, 1 subcampión de Liga Visornets (liga nacional), 220 licenzas deportivas e 17 competidores en ring.
Para empezar o 2023, o capitán do equipo, Aarón González viaxará á Coruña para disputar o primeiro combate deste ano prometedor.
Relacionadas:
-
Martín Grandío, do Team Thunder, concentrado en Los Alcázares coa Selección Española de base
Por Redacción |
-
Fin de semana redonda para o Team Thunder nos campionatos galegos
Por Redacción |
-
O Team Thunder converte o pavillón do San Narciso no epicentro do mellor boxeo de Galicia
Por Redacción |
-
O boxeador Aarón González adestra co campión mundial arxentino, Marabilla Martínez
Por Redacción |
-
Marín elevará aos altares aos seus taekwondistas na gala anual do deporte
Por Redacción |
-
Xornada de boxeo na Cañota coa cuarta edición da Copa Galicia
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O boxeo marinense báñase de ouro da man de Carla Agís e Yohana Jiménez
Por Redacción |