A natación sincronizada pontevedresa despide o ano en Ourense demostrando o seu grande nivel
Por Redacción
A natación sincronizada galega de nivel despediu o ano en Ourense. Foi esta pasada fin de semana coa celebración da primeira xornada da liga de figuras en todo o arco de categorías -alevín, infantil e xuvenil-, proba en participárona os principais clubs galegos.
Á espera da publicación dos resultados oficiais, os clubs da cidade tomaron posicións na cabeza da clasificación -en postos de medallas- dispostos a afianzalas nas próximas xornadas, que se disputarán durante 2014 e ata o peche de tempada que se produce todos os anos coincidindo co Campionato Galego de Verán de rutinas e exercicios combinados.
O Club Galaico Sincro desprazou a Orense á totalidade das súas nadadoras de nivel xuvenís, infantís, e as máis noveis, as alevíns, que pese a medirse con competidoras maiores en idade e xa no seu último ano na categoría, lograron situarse nos primeiros postos da táboa clasificatoria.
Todas elas comezaron a dar mostras de estar aproveitando ben os plans de formación técnica impulsados polo club de Pontemuiños, iniciados coa seleccionadora nacional Anna Vives, e continuados na actualidade coa adestradora Carla Rodríguez, que se despraza regularmente desde Cataluña á cidade do Lérez para poñer á sincro galega á altura dos mellores.
Polo Club Galaico Sincro competiron Ana Amatria, María Seoane, María Sotelo, Eva Saldaña, Reyes Gómez, Belén Bertolo, Laura Arias, Elisa Seoane, Antía Ortego, Lola Gómez, Candela Seoane, Alexandra Piñeiro, Aída Souto, Sara Fernández e Lara González, asistidas polas adestradoras Diana Fernández, Sonia Paraná e Chus Refojo.