Bo papel do Club Galaico Sincro no Campionato de España de figuras infantil e júnior de natación sincronizada
Por Redacción
Bo papel do Club Galaico Sincro no Campionato de España de figuras infantil e júnior de natación sincronizada, celebrado esta fin de semana en Madrid. Na proba por equipos, alcanzou o posto duodécimo dun total de 21 conxuntos, seguindo moi de preto en puntuación a clubs de traxectoria nacional xa moi consolidada como Las Palmas, Metropole ou Mediterránea.
As pontevedresesas foron as únicas representantes da natación sincronizada galega nesta competición de inverno. Participaron, polo Club Galaico Sincro, Belén Bertolo, Laura Arias, Eva Saldaña, Reyes Gómez e Elisa Seoane, que acudiron coa súa adestradora Diana Fernández Garrido.
A singularidade deste campionato, do máximo nivel das citas anuais no aspecto puramente técnico, pona de manifesto un dato relevante: das preto de trescentas nadadoras que poden chegar a competir nas outras citas ordinarias, a esta só acoden aproximadamente un centenar, a élite da natación infantil nacional, como introdución aos procesos de selección para as competicións internacionais.
Se a isto a súa suma o risco de poder retroceder na cualificación individual das nadadoras e perder a posibilidade de participar no resto de encontros da tempada, explícase o por que de tratarse dunha convocatoria de asistencia moi contida polos clubs de toda a xeografía e con exhibición de exercicios técnicos individuais de calidade moi elevada.
O Club Galaico Sincro conseguiu, no entanto, revalidar o nivel de todas as nadadoras presentadas a competición, e ata colocar a unha das súas nadadoras no posto 16 entre as do seu ano, ratificando así a traxectoria de tecnificación seguida nas últimas tempadas.