Convenio para que os deportistas de elite de Poio poidan adestrar no ximnasio municipal da Seca
Por Redacción
Os deportistas de elite de Poio poderán utilizar, de balde, o ximnasio municipal do pavillón da Seca, tras un acordo anunciado este venres polo Concello.
O convenio está pensado para facilitar a preparación de deportistas que sexan referentes nas súas respectivas disciplinas.
As primeiras en asinalo foron este venres as regatistas Paula, Miram e Paloma González, a atleta Carolina Santos e a xogadora de kaiak-polo Lorena Nieto, tras ser recibidas polo alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas.
"Contamos cunhas instalacións que foron renovadas recentemente e que contan con novos aparellos, de xeito que todas estas e estes deportistas poderán adestrar nas mellores condicións", explicou a edil defendendo que "tanto o Concello como estas e estes deportistas teñen obxectivos en común. Fomentar a actividade deportiva no municipio para nós é un obxectivo básico, porque entendemos que o deporte é saúde".
"Estamos a falar de deportistas que contan con títulos a nivel nacional e internacional e que compaxinan a súa actividade coa súa vida laboral ou con estudos, polo que o mérito é aínda máis grande se cabe", sinalou Caldas afirmando que "temos que axudar a sufragar as súas carreiras poñendo á súa disposición todos os recursos que estean na nosa man".
O convenio cos deportistas de elite poderase prorrogar anualmente.