A oitava edición da Pontevedra 4 Picos de BTT inicia a súa conta atrás coa apertura de inscricións
Por Redacción
Regresou con forza tras a pandemia e manterase no calendario deportivo municipal de 2023. A Pontevedra 4 Picos Bike-Desafío Rías Baixas de BTT abriu co inicio do mes de decembro inscricións para a que será a súa oitava edición.
A popular proba deportiva de ciclismo de montaña celebrarase nesta ocasión o sábado 13 de maio.
Trátase dun evento deportivo de carácter non competitivo que mantén o formato que lle levou a contar cada ano cun alto número de participantes, nun percorrido que pasa polos catro picos que rodean a cidade de Pontevedra como son o Monte Xaxán, A Fracha, O Castrove e O Acibal.
A Pontevedra 4 Picos de BTT contará cun percorrido longo de aproximadamente 132 quilómetros e catro ascensións e unha opción curta de 66 quilómetros con só dúas subidas.
A organización, a cargo da empresa Global DxT, cifrou en 1.500 o límite máximo de participantes sumando todas as categorías.
As inscrición poden xa formalizarse a través de www.pontevedra4picos.com, cun prezo reducido de 35 euros ata final de ano que posteriormente se incrementará a 40 e a 45 euros noutros dous tramos, sendo posible anotarse ata o día 3 de maio.