Nerea Liste comanda co MVP da xornada a un Arxil que empeza a carburar na Liga Feminina 2
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Club Baloncesto Arxil empeza a coller o ritmo da Liga Feminina 2, despois dun irregular inicio de tempada.
O conxunto pontevedrés encadea tres vitorias consecutivas que lle achegaron á zona nobre da táboa clasificatoria, estando na quinta posición cun balance de 4-4.
Como reflexo desa melloría unha xogadora arxilista fíxose co MVP da xornada 8 de liga no Grupo A, na cómoda vitoria do seu equipo contra o Aridane (75-43). Trátase de Nerea Liste.
A representante do Arxil conseguiu 31 puntos de valoración nos seus 33 minutos en cancha grazas a 19 puntos, 9 rebotes e 4 roubos, con ata 9 faltas recibidas, sendo a máxima anotadora do seu equipo.
Na súa terceira tempada no equipo, Liste é unha peza clave no esquema de xogo de Mayte Méndez, promediando esta campaña ata a data 12,9 puntos e 6,3 rebotes por encontro.
Este recoñecemento premia unha melloría do Arxil que deberá seguir confirmando en próximas xornadas e tras unha semana de descanso, xa que non volverán xogar ata o día 3 de decembro, cando está prevista a visita a Pontevedra do Unicaja.